19 de xuño de 2026

TUI

As piscinas municipais de Tui abrirán este sábado 

  As entradas mercaranse a través da web municipal ou da APP do Concello de Tui 


Vista das piscinas municipais de Tui
Foto: CT

Infogauda/Tui

 As piscinas municipais de Tui abrirán as súas este sábado coas súas instalacións totalmente renovadas.   

 O horario de apertura será de luns a venres de 13.30 h a 20.30 h; e sábados, domingos e festivos de 12.30 h a 20.30 h até o 6 de setembro.   

 Este ano coma novidade a entrada deberá adquirirse en liña, ben a través da web municipal tui.gal ou da APP do Concello de Tui. As entradas terán o mesmo importe que en anos anteriores. O prezos serán 2€ para persoas adultas e 1,5€ para nenos, nenas e persoas xubiladas.   

 Haberá amais a posibilidade de adquirir bonos de 30 baños. Neste caso os prezos serán de 40€ para persoas adultas; e 35€ para nenos, nenas e persoas xubiladas.  

 O Concello de Tui acometeu a reforma integral destas instalacións cun investimento de 306.238,95 € financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación. Tras estas actuacións a Piscina Municipal de Tui convértese nun espazo máis accesible, eficiente e cun entorno máis harmonioso.   

 A actuación incluíu dende a mellora e sinalización exterior das instalacións ao espazo interior. As piscinas gañaron en accesibilidade e foron renovados tamén os vestiarios, incorporando un para persoas con discapacidade.  

 Substituíronse os lavabos e espellos, reparáronse as instalacións, levouse a cabo un pintado exterior e foi colocado un novo pavimento na terraza exterior.  

 Na piscina de adultos, cunhas dimensións de 25m x 12,5 m, foi substituído o gresite por revestido cerámico con melloras de impermeabilización, instalouse unha cadeira para o acceso para persoas con mobilidade reducida, e realizouse un novo acabado na explanada con inclusión de rexilla cerámica mantendo o sistema desbordante.  

 Mentres na piscina infantil, onde se realizou un novo perímetro do vaso, se conta agora cunha zona de xogos con chorros verticais e centrais de choiva.  

 Substituíuse a bomba xeral das dúas piscinas e a de filtración, así como o sistema de clorado por un sistema salino, con máis capacidade desinfectante, menor toxicidade, non ten olor, e non irrita os ollos nin a pel.   

 Tui disfrutará a partir deste sábado das súas piscinas de verán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario