18 de xuño de 2026

CULTURA

Castelao. A derradeira leición do mestre 

25 de xuño a 27 de setembro de 2026

Localización: Museo de Pontevedra. Edificio Castelao


Comisaria: Mª de los Ángeles Tilve Jar


Infogauda/Pontevedra

 Por primeira vez exhíbese no Museo de Pontevedra A derradeira leición do mestre, o emblemático óleo que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886–1950) pintou en 1945 para o Centro Orensano de Buenos Aires. Esta entidade fixera posible un ano antes a publicación de Sempre en Galiza, obra fundamental do seu pensamento político.  

 A pintura foi concibida nun contexto de forte carga política e simbólica e presentada no noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda (1903–1936), figura clave do galeguismo e amigo persoal do artista.  

 Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Buenos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cede temporalmente para esta exposición. A mostra coincide coa conmemoración do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil, do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936 e do asasinato de Bóveda, o que reforza o seu valor histórico e simbólico.

 O lenzo reproduce a estampa número 6 de Galicia mártir, o primeiro dos tres álbums publicados por Castelao durante a guerra. Editado en Valencia en 1937, Galicia mártir integra, xunto con Atila en Galicia (Valencia, 1937) e Milicianos (Nova York, 1938), un conxunto que podemos considerar o “Guernica galego”, referente esencial da memoria antifascista, cuxos debuxos orixinais se conservan neste museo desde 1981.  

 Na escena represéntase, nunha sinxela paisaxe galega, o cadáver dun paseado diante de dous nenos, unha figura na que se recoñece a Alexandre Bóveda, fusilado en Pontevedra o 17 de agosto de 1936. Aínda que o breve texto ao pé da imaxe pode aludir á represión do maxisterio durante a Guerra Civil, o rostro recoñecible da vítima a quen Castelao definiu como “prototipo da cidadanía galega e mártir da liberdade”, simboliza a destrución da razón a mans do fanatismo e da violencia e converte a obra nunha homenaxe a todas as persoas que deron a súa vida pola República, a liberdade e a xustiza.  

 Castelao constrúe así unha homenaxe a Bóveda e unha reflexión sobre a súa “derradeira lección”, entendida como o sacrificio ata o martirio por Galicia, que adquire un valor simbólico e redentor: os nenos encarnan o futuro e a continuidade dos ideais galeguistas, de xeito que a violencia non consegue destruílos, senón proxectalos nas xeracións vindeiras.

 A través dunha linguaxe que combina realismo e simbolismo, influída por Francisco de Goya e pola tradición gráfica europea do seu tempo, a obra constitúe unha poderosa denuncia da violencia e da intolerancia e un dos grandes símbolos da memoria democrática e da cultura galega contemporánea.

Seminario Arte, Exilio e Memoria: Castelao, A Derradeira Leición do Mestre e a Emigración Galega en América 

•  Luns 22 de xuño, de 17:00 a 20:00 h, e martes 23 de xuño, de 16:00 a 20:30 h, no Edificio Castelao




 A exposición temporal do cadro A derradeira leición do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, constitúe unha oportunidade para reflexionar sobre a relación entre arte, memoria histórica e emigración.  

 A obra foi pintada en Bos Aires en 1945, no contexto do exilio republicano e en estreita relación coa comunidade galega emigrante en América, que desempeñou un papel fundamental na preservación da cultura galega e no apoio a intelectuais e artistas exiliados tras a guerra civil española.  

 A emigración galega a América foi, durante décadas, un fenómeno de gran relevancia social, económica e cultural. En cidades como Bos Aires, Montevideo ou A Habana desenvolvéronse importantes redes asociativas que contribuíron a manter viva a lingua, a cultura e o pensamento galeguista.  

 A través deste seminario preténdese analizar a obra de Castelao non só como unha creación artística de gran valor simbólico, senón como un reflexo da memoria colectiva do exilio e do papel que desempeñou a diáspora galega en América na conservación da súa identidade cultural.  

Organizan: Museo de Pontevedra e UNED Pontevedra.  

Formato: asistencia presencial ou en liña, en directo ou en diferido.

Concerto da Coral Polifónica de Pontevedra 

•  Sábado 27 de xuño, ás 19:00 h, no Edificio Castelao


Coral Polifónica de Pontevedra
Foto: J. Philippot

 A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, fundada en 1925, ofrece un concerto con motivo do inicio da exposición Castelao. A derradeira leición do mestre, na que se exhibe o lenzo do mesmo título no que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao homenaxea a Alexandre Bóveda. Ambos coincidiron nos primeiros anos desta sociedade, unha das institucións musicais máis representativas da cultura galega. 

 A historia da entidade está intimamente ligada á figura de Castelao, un dos seus fundadores e presidente desta entre 1929 e 1932. Castelao non só participou no nacemento da entidade, senón que contribuíu de maneira decisiva á súa identidade simbólica e estética, deseñando o escudo da sociedade e realizando escenografías que acompañaron os seus primeiros concertos. Esta relación converteu a polifónica nun espazo onde música, arte e pensamento galeguista camiñaron desde a súa orixe de maneira conxunta.

 Ao longo da súa historia consolidou un labor continuado de difusión da polifonía coral e de preservación do patrimonio musical e levou a súa actividade a numerosos escenarios dentro e fóra de Galicia.  

 Na actualidade, está baixo a dirección de Nanette Sánchez Ordaz, licenciada en Dirección Coral polo Instituto Superior de Arte da Habana (Cuba). Desde 2013 dirixe a formación e contribúe á súa continuidade e renovación artística; ademais, foi recoñecida pola propia sociedade coa Medalla de Ouro en 2019.

PROGRAMA  

I. Polifonía renacentista e profana  

Ai flores do verde pino. Dom Dinis de Portugal (1261-1325)  

Il bianco e dolce cigno. Jacques Arcadelt (1507-1568)  

Amate mi ben mio. Luca Marenzio (1553-1599)  

Con qué la lavaré. Juan Vásquez (1500-1567) 

II. Música sacra  

Ave María. Jacques Arcadelt (1507-1568)  

Kyrie. Dante Andreo (n. 1949)  

Agnus Dei. Sherri Potterfield (n. 1958)  

Stabat Mater. Zoltán Kodály (1882-1967)

III. Canción galega harmonizada  

Tres cantigas. José Verea Montero (1934-2017). Letra popular recollida polo Padre Sarmiento  

Prende salgueiriño. Emilio Lede (n. 1974). Letra popular  

Negra sombra. Juan Montes (1840-1899). Texto: Rosalía de Castro. Arranxo: M. A. Viro  

Coita. Antón García Abril (1933-2021). Texto: Álvaro de las Casas. Harmonización: J. Verea Montero  

Soia. Xosé Carlos Seráns (n. 1962). Texto: Rosalía de Castro  

Rosas. Xosé Carlos Seráns (n. 1962). Texto: Manuel María  

Unha noite na eira do trigo. Miguel Ángel Viro (n. 1937). Texto: Manuel Curros Enríquez  

A Castelao. Xosé Carlos Seráns (n. 1962). Texto: Manuel María  

SOLISTAS  

M.ª del Pilar Baamonde Lusquiños (soprano)  

M.ª Pilar García Pinal (soprano)  

Rafael Senén González (tenor)     

DIRECCIÓN  

Nanette Sánchez Ordaz

Ningún comentario:

Publicar un comentario