A Guarda afina os últimos preparativos para o XVI Festival de Bandas Vila da Guarda
• Que terá lugar o vindeiro sábado, 20 de xuño, a partir das 19:45 horas, no Auditorio de San Bieito
Infogauda/A Guarda
A música de banda volverá ser protagonista este sábado na Guarda coa celebración do XVI Festival de Bandas Vila da Guarda, unha cita xa plenamente consolidada dentro da programación cultural da vila e que reunirá a músicos de Galicia e Portugal nunha tarde marcada pola convivencia e a paixón pola música.
O evento terá lugar o vindeiro sábado, 20 de xuño, a partir das 19:45 horas, no Auditorio de San Bieito, escenario habitual deste encontro que cada ano congrega a numerosas persoas afeccionadas á música de banda. Nesta décimo sexta edición, o festival contará coa participación da Banda Quinta do Picado, procedente de Aveiro (Portugal), e da Agrupación Musical de A Guarda, anfitrioa do certame.
A presenza da formación portuguesa achegará un atractivo especial a unha xornada que servirá, unha vez máis, para fortalecer os lazos culturais entre ambas beiras do Miño a través da música. Pola súa banda, a Agrupación Musical de A Guarda volverá exercer de embaixadora da tradición bandística local, ofrecendo ao público unha actuación preparada con especial ilusión para esta ocasión.
O festival promete unha tarde de música en directo para todos os públicos, converténdose nunha excelente oportunidade para que veciños, veciñas e visitantes desfruten dun espectáculo de gran calidade artística nun ambiente festivo e familiar.
A organización lembra que, en caso de choiva, o concerto trasladarase ao Pavillón da Sangriña para garantir o normal desenvolvemento do evento.
Todo está preparado, polo tanto, para que A Guarda volva vibrar ao son das bandas nunha nova edición dun festival que continúa medrando ano tras ano e que xa forma parte da identidade cultural da vila.


Ningún comentario:
Publicar un comentario