19 de xuño de 2026

A GUARDA

A GUARDA ACOLLEU DÚAS XORNADAS DE LIMPEZA DE PRAIAS DENTRO DO PROXECTO “O COMPÁS DO ALZHÉIMER” 

 Persoas usuarias do obradoiro “Cultiva a mente” de AFAGA e alumnado do CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere participaron na recollida de residuos en diferentes areais do municipio 


Integrantes dun dos equipos que puxo seu labor e súa vontade na limpeza de praias de A Guarda
Foto: CAG

Infogauda/A Guarda 

 A Guarda foi escenario esta semana de dúas xornadas de limpeza de praias enmarcadas no proxecto “O Compás do Alzhéimer”, unha iniciativa impulsada por AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia)  e financiada polo GALP Ría de Vigo-A Guarda que ten como obxectivo promover o benestar e a inclusión social das persoas con demencia e da súa rede de apoio, formada por familiares e persoas coidadoras. 

 O proxecto busca tamén implicar á cidadanía na posta en valor da cultura e do patrimonio náutico-marítimo-pesqueiro do territorio, fomentando a recuperación das tradicións e o desenvolvemento de actividades de sensibilización e participación social. 

 As actividades desenvolvidas esta semana na Guarda consistiron en dúas saídas para a recollida de residuos en distintos puntos do litoral guardés. 

 A primeira delas celebrouse o martes 16 de xuño nas praias de Fedorento e Area Grande, coa participación de persoas usuarias do obradoiro “Cultiva a mente”, impartido por AFAGA, do concello da Guarda e alumnado de 6º curso do CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere. 

 A segunda xornada tivo lugar o mércores 17 de xuño nas praias da zona portuaria da Guarda. Nesta ocasión participaron persoas usuarias das iniciativas desenvolvidas por AFAGA dos concellos da Guarda e Tomiño, acompañadas por alumnado de 5º curso do CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere. 

 Estas actividades permitiron combinar o coidado do medio ambiente coa convivencia e a participación interxeracional, favorecendo espazos de encontro entre persoas de distintas idades e realidades, ao tempo que se promoveu a concienciación sobre a importancia de preservar os ecosistemas costeiros. 

 Durante a xornada do mércores estiveron presentes o tenente de alcalde da Guarda, Óscar Alonso, e a técnica municipal de Medio Ambiente, Tamara Otero, quen aproveitou a actividade para ofrecer ás persoas participantes unha serie de recomendacións sobre a correcta separación dos residuos e a importancia dunha adecuada xestión dos mesmos para reducir o seu impacto ambiental. 

 Este tipo de iniciativas contribúen non só á conservación do litoral e á mellora dos espazos naturais, senón tamén á promoción da inclusión social, a participación comunitaria e a sensibilización cidadá arredor de cuestións tan relevantes como o coidado do medio ambiente e o apoio ás persoas con demencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario