O Rosal fai soar as Letras Galegas entre gaitas, tradición e identidade compartida
• A praza do Calvario acollerá este domingo, 17 de maio ás 19.00 horas o concerto de Deixandar e Xistra
Infogauda / O Rosal
A música tradicional volverá converterse en punto de encontro para celebrar o Día das Letras Galegas. O Concello do Rosal conmemorará unha das datas máis simbólicas da cultura galega cun concerto ao aire libre que encherá a praza do Calvario de sonoridades populares, emoción e orgullo pola identidade propia.
A cita, que será este domingo, 17 de maio ás 19.00 horas, contará coa participación do grupo folk Deixandar e dos Gaiteiros da Xistra, dúas formacións que farán da música unha ponte entre tradición, memoria e celebración colectiva nunha tarde pensada para todos os públicos.
Gaiteiros da Xistra, asociación sen ánimo de lucro fundada en 1988, leva décadas dedicada ao estudo, conservación e divulgación do folclore tradicional galego, combinando investigación e interpretación musical cunha importante aposta pola recuperación e difusión do patrimonio galego-miñoto a través de publicacións, libros e traballos discográficos. Pola súa banda, Deixandar achegará ao público a súa proposta musical vencellada á tradición e á reinterpretación do repertorio popular galego, creando unha atmosfera festiva e participativa para celebrar unha xornada tan especial. En caso de choiva a actividade pasará ao auditorio municipal.
Dentro da programación do 17 de maio, este domingo celébrase tamén a terceira edición do Rula Roupa Rosal, un mercado de roupa e complementos de segunda man que durante toda a xornada encherá a praza do Calvario de actividade. Ademais dos postos de venda, o público poderá desfrutar coa música en directo de Kwai Chang Caine ás 13.00 h ou do espectáculo infantil co Mago Charlangas ás 18.30 h nos xardíns do Concello. Tamén haberá un obradoiro para aprender a crear novos obxectos con roupa reciclada ás 17 h, para o que é necesario inscribirse no Concello ou enviando un correo electrónico a informacionxuvenil@orosal.gal indicando nome, idade e teléfono de contacto da persoa participante.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “as Letras Galegas son moito máis que unha homenaxe á nosa literatura, son tamén unha oportunidade para reivindicar unha cultura viva, a nosa lingua e todas esas expresións artísticas que forman parte do que somos como pobo. A música tradicional é unha delas e no Rosal queremos celebrala na rúa, compartíndoa coa veciñanza”.
Nesta edición, o Día das Letras Galegas rende homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, unha figura fundamental da cultura galega contemporánea, cun pensamento profundamente feminista e comprometido coa sociedade. A súa traxectoria converteuse nun exemplo dunha literatura e dun xornalismo entendidos como ferramentas para o coñecemento, a reflexión crítica e a transformación social. A celebración deste ano mira así cara ao presente e ás voces que constrúen unha cultura galega viva, diversa e comprometida.


Ningún comentario:
Publicar un comentario