23 de abr. de 2026

TUI

Allegue destaca o papel clave da enxeñaría na planificación das infraestruturas e a cooperación na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 

Puxo en valor a colaboración da Consellería co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, baseada na lealdade institucional e no respecto ao criterio técnico, “con proxectos concretos que están a transformar Galicia”


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participou na conmemoración dos 25 anos de relación entre o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e a Ordem dos Engenheiros de Portugal, que tivo lugar na ponte internacional en Tui


Infogauda / Tui

 Allegue destaca o papel clave da enxeñaría na planificación das infraestruturas para mellorar a competitividade económica e a calidade de vida da cidadanía e a cooperación na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así o salientou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que participou na conmemoración dos 25 anos de relación entre o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e a Ordem dos Engenheiros de Portugal, que tivo lugar na Ponte Internacional en Tui.  

 Subliñou que os enxeñeiros son un piar esencial na proxección, na construción, no desenvolvemento, pero tamén na conservación das infraestruturas. Puxo en valor o traballo deste sector, que contribúe a cohesionar o territorio, fomentar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria nos desprazamentos.  

 Lembrou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén mantendo unha colaboración estreita co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, baseada na lealdade institucional e no respecto ao criterio técnico, “con proxectos concretos que están a transformar Galicia”.  

 Fixo fincapé en que “se avanza mellor cando se fai de maneira conxunta, con planificación, con rigor técnico, con colaboración leal e vocación de servizo público”. Citou como exemplos desa cooperación a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Eurocidade Tui-Valença do Minho.  

 Ademais, aproveitando a abordaxe hoxe da importancia das infraestruturas, reiterou ao Goberno central a necesidade do rescate e transferencia da autoestrada que vertebra a  Comunidade, a AP-9, que “precisamente arranca ou remata, segundo se mire, en Tui”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario