A Deputación destina máis de 3,1 millóns de euros aos concellos das comarcas de Vigo e do sur ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas municipais danadas polos temporais
• O plan extraordinario, presentado esta mesma semana polo presidente provincial Luis López, está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
Infogauda / Pontevedra
A Deputación destina máis de 3,1 millóns de euros aos concellos de Arbo, Baiona, A Caniza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do inverno. Este plan extraordinario, presentado esta mesma semana polo presidente provincial Luis López, está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes. Uns recursos que se suman aos 82 M€ investidos polo goberno da Deputación de Pontevedra en menos de tres anos na mellora da rede de estradas provinciais.
Cada concello recibirá ao abeiro do Plan Vía Depo un mínimo de 50.000 € e os recursos restantes repartiranse baixo criterios obxectivos de superficie, poboación e o número de entidade singulares. Deste xeito, no caso das comarcas de Vigo e do sur da provincia, Arbo contará con máis de 109.000 €, Baiona con máis de 104.000 €, A Caniza con preto de 180.000 €, Covelo con preto de 167.000 €, Crecente con preto de 118.000 €, Fornelos de Montes recibirá máis de 113.000 €, Gondomar máis de 157.000 €, A Guarda preto de 89.000 €, Mondariz preto de 128.000 €, Mondariz Balneario máis de 53.000 €, Mos beneficiarase de máis de 128.000 €, As Neves de máis de 136.000 €, Nigrán de preto de 124.000 €, Oia de preto de 122.000 €, Pazos de Borbén de máis de 96.000 €, Ponteareas de preto de 220.000 €, O Porriño contará con preto de 151.000 €, Redondela con máis de 146.000 €, O Rosal con máis de 101.000 €, Salceda de Caselas con máis de 108.000 €, Salvaterra de Miño con máis de 148.000 €, Soutomaior con máis de 84.000 €, Tomiño con preto de 174.000 € e Tui con preto de 157.000 €. Con estes recursos os concellos poderán financiar actuacións relacionadas coa mellora do trazado e o reforzo da súa estrutura; coa conservación do firme a través do fresado, reparación de pavimentos, fochancas, gretas ou novas capas de rodaxe; coa estabilización de muros de contención que afecten a vías municipais; coa actuación en sistemas de drenaxe, como cunetas ou sumidoiros; ou coa reparación de sendeiros e paseos de acceso a praias fluviais e marítimas.
O obxectivo deste novo plan provincial, tal e como detallou o presidente na presentación, é “reparar o que se estragou, a mellorar o que debe ser mellorado. Devolver os camiños ao estado previo ás borrascas e, se cabe, modernizalos para que poidan resistir mellor futuros episodios difíciles”. Por esa razón, o Vía Depo non se poderá empregar para cofinanciar outros plans da Deputación, nin servirá para financiar a redacción de proxectos, dirección de obra ou adquisición de terreos.
Estes recursos súmanse aos 82 M€ investidos polo goberno da Deputación en menos de tres anos na conservación e mellora da rede de titularidade provincial. En concreto, en actuacións de conservación integral e accións en firmes e cunetas mobilizáronse 40,5M€ aos que hai que engadir 17,6M€ en mellora de estradas provinciais por iniciativa da Deputación e outros 24,7M€ a través de convenios con concellos. Unha atención constante que serviu para mitigar os efectos do tren de borrascas deste inverno, onde as brigadas atenderon desde o 1 de xaneiro un total de 430 incidencias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario