Tomiño reforza a resposta fronte á violencia de xénero dende a primeira intervención policial
• O Concello acolleu unha xornada de formación especializada para forzas e corpos de seguridade coa participación de profesionais da xustiza, psicoloxía e atención ás vítimas
O Concello de Tomiño acolleu este venres unha xornada de formación dirixida ás forzas e corpos de seguridade centrada na primeira intervención en casos de violencia de xénero
Fotos: C.T.
Infogauda / Tomiño
A primeira resposta pode marcar a diferenza nunha situación de risco. Para poder afrontalas do mellor xeito, o Concello de Tomiño acolleu este venres unha xornada de formación dirixida ás forzas e corpos de seguridade centrada na primeira intervención en casos de violencia de xénero, un aspecto clave para garantir unha atención eficaz e coordinada ás vítimas.
A sesión contou coa participación de profesionais de diferentes ámbitos que achegaron unha visión integral sobre a intervención nestes casos. A maxistrada da sección IV da Audiencia Provincial, Belén Rubido, puxo o foco na relevancia do primeiro contacto policial e na súa correcta recollida no atestado, subliñando o seu impacto no proceso xudicial. Pola súa banda, o psicólogo Ramón Padín abordou o papel da Oficina de Atención á Vítima e ofreceu pautas para un primeiro achegamento respectuoso e adecuado ás persoas afectadas. Completou a xornada a intervención de Ana Cabaleiro, asesora xurídica do CIM de Mos e avogada da quenda de oficio, quen explicou o funcionamento dos Centros de Información á Muller e os recursos dispoñibles.
Esta acción formativa enmárcase no compromiso do Concello de Tomiño coa loita contra a violencia de xénero e dá continuidade ao traballo iniciado o pasado ano coa incorporación do municipio ao novo protocolo do sistema VioGén. Esta adhesión permite á Policía Local colaborar coa Comandancia da Garda Civil na vixilancia e control dos casos activos, reforzando así a protección das vítimas a nivel local.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, fixo fincapé na importancia de seguir avanzando na formación e coordinación dos equipos implicados, porque “sabemos que cada intervención conta e que a maneira de actuar nos primeiros momentos pode condicionar todo o proceso posterior. Por iso é fundamental dotar ás forzas e corpos de seguridade e a todas aquelas persoas que traballan con persoas vítimas de violencia de xénero das ferramentas e coñecementos necesarios para actuar con sensibilidade, rigor e eficacia”.
González quixo tamén recoñecer o labor dos profesionais implicados. “Detrás de cada paso que damos hai persoas comprometidas que traballan día a día para protexer e acompañar ás vítimas. Dende o Concello queremos trasladar o noso agradecemento á Policía Local, ás forzas e corpos de seguridade e aos equipos de servizos de igualdade pola súa implicación e polo seu traballo constante”, salientou.
Esta xornada formativa permite a Tomiño continuar reforzando unha rede de apoio e protección que sitúa ás vítimas no centro, apostando pola formación, a coordinación e a prevención como ferramentas fundamentais para combater a violencia de xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario