24 de abr. de 2026

O BAIXO MIÑO / VAL MIÑOR

O BNG pon en evidencia un PP que vota a en contra de protexer a Serra da Groba no Parlamento  

 Brais Ruanova defendeu un si rotundo á serra da Groba mentres o PP opta por un modelo de espolio dos recursos e de capital foráneo   


Brais Ruanova, deputado do BNG
Foto: BNG

Infogauda / O Baixo Miño / Val Miñor 

 O deputado do BNG Brais Ruanova criticou a postura incoherente do PP, que votou no Parlamento en contra de paralizar os proxectos eólicos que afectan á Serra da Groba e de blindar por lei o espazo natural, contradicindo a súa postura favorable no pleno municipal de Oia.  Se o PP de Oia defendeu a Groba no pleno municipal, debe defendela aquí, no Parlamento. Non hai dous pesos e dúas medidas: ou se está co territorio, ou se está co capital foráneo, proclamou.    

 Mentres a iniciativa do BNG pretendía declarar un “si rotundo á defensa da Serra da Groba”, o PP optou por un modelo de espolio dos recursos e de capital foráneo. O deputado advertiu que quen gaña con este proxecto son “os de sempre” pero o risco ambiental, o impacto paisaxístico, a perda de valor turístico e agrogandeiro, queda aquí nas comunidades de montes de Burgueira, Viladesuso, Mougás e Belesar. “Isto on é transición enerxética, isto é colonialismo enerxético”, criticou.  

 Tamén lle afeou ao PP que diga que o presidente da Xunta defende a Serra da Groba. “Podía ter pasado pola Serra da Groba o día que foi pasear cun ex-conselleiro acusado por agresión sexual por Panxón e pisar máis o País para ver o territorio de primeira man”, suxeriu.   

 Na súa intervención na Comisión 6º, Ruanova lembrou que os proxectos afectados, —"Margarita 18", "Cote 25", "Nao 19" e "Galera 25"–—comprenden catro aeroxeradores de case 5 megavatios cada un no concello de Oia, promovidos polas empresas con sede en Sevilla Savanna Power Solar e Arena Power Solar. A instalación incluiría ademais unha liña de evacuación de máis de 10 quilómetros que atravesaría os concellos de Baiona e Gondomar. “O futuro de Galiza é inzar eólicos na Serrra da Grova, prospectar a Serra do Galiñeiro para ver minerais estratéxicos, facer un buraco neste País”, criticou Rúanova. 

 Ao deputado nacionalista resultoulle rechamante, hai só dous anos, a propia Consellería de Medio Ambiente emitise declaracións de impacto ambiental desfavorables para proxectos substancialmente análogos na mesma zona. “Se cadra, daquela no caso de chegar á xustiza, atoparíanse con problemas que, polo que sexa, hoxe non atoparían”, ironizou o deputado nacionalista.  

 “Vostedes veñen aquí defender os eólicos mentres o seu partido en Madrid dicindo que non queren instalar ningún eólico porque ten un impacto ambiental e social enorme”, engadiu, acusando a continuación ao PP de querer converter Galiza nunha “colonia enerxética de Madrid”.   

Tres propostas concretas para un futuro sostible 

 Fronte ao modelo que o BNG cualifica de colonialismo enerxético ao servizo de capital foráneo, Ruanova presentou tres alternativas que responden ao modelo nacionalista onde a transición enerxética “non se fai ás costas  das biodiversidade nin do patrimonio. Un modelo onde o desenvolvemento do rural non é incompatible coa protección”, sinalou.   

 A primeira, instaba ao Goberno galego a resolver a inadmisión a trámite dos proxectos en aplicación do artigo 39.4.c) da Lei 21/2013 de avaliación ambiental, dado que xa existen proxectos homologables con declaración desfavorable.  

 A segunda pedía iniciar de oficio o procedemento para declarar a Serra da Groba como Espazo Natural Protexido e/ou a súa inclusión na Rede Natura 2000.   

 Por último, o BNG demandaba elaborar, en colaboración cos concellos e as comunidades de montes afectadas, un Plan de Desenvolvemento Sostible para a Serra da Groba que impulse o turismo de natureza, a gandaría extensiva, a apicultura e o autoconsumo enerxético comunitario.   

Un espazo de alto valor ecolóxico, cultural e económico 

 Na súa intervención, Ruanova advertiu que a execución destes proxectos afectaría a 9 cursos fluviais e 4 hábitats de interese comunitario, e poría en perigo especies protexidas como o escribán de canaveira ou o narciso das dunas. Subliñou que a perda de vexetación, a fragmentación de hábitats e o risco de colisións para aves e quirópteros son impactos non mitigables.   

 Tampouco quedaría á marxe o patrimonio cultural: a Serra da Groba acolle bens catalogados como os Petróglifos da Cerradiña ou o Hórreo de Urgal, e está próxima ao Camiño Portugués da Costa. O BNG denunciou que a Xunta está a antepor os intereses empresariais á obriga legal de protexer estes espazos.   

 O deputado tamén puxo de relevo o impacto sobre actividades económicas sostibles como o turismo de natureza, a gandaría extensiva e a apicultura, e salientou especialmente o risco para as poboacións de cabalo garrano, especie en perigo de extinción e elemento clave na prevención de incendios e símbolo da identidade galega.   

 O deputado nacionalista apelou na súa intervención á responsabilidade: Temos a oportunidade de demostrar que neste Parlamento aínda se escoita á cidadanía, aínda se respecta a lei e aínda se defende Galiza fronte ao espolio. Defender a Groba é tamén defender Galiza.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario