Violencia sobre a muller
Abel Losada celebra o éxito de participación na Xornada de Formación para axentes das Forzas e Corpos de Seguridade
Un total de 1.939 mulleres da provincia están no sistema VioGén
O subdelegado subliña que a violencia machista sempre está aí, visible ou oculta, polo que cantas máis denuncias haxa, mellor
Infogauda / Tomiño
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, agradeceu a numerosa asistencia á Xornada de Formación para Forzas e Corpos de Seguridade na abordaxe policial da violencia sobre a muller, celebrada en Tomiño con motivo da incorporación de este concello ao sistema integral de protección das mulleres contra a violencia de xénero, VioGén. Ao acto asistiron preto de 70 axentes pertencentes a 14 corpos da Policía Local, da Unidade Adscrita da Policía Nacional á Xunta de Galicia, da propia Policía Nacional e da Garda Civil.
Na xornada participaron a responsable da Unidade de Prevención da Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez; a maxistrada da Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra, Belén Rubido; o psicólogo da Oficina de Atención á Vítima, Ramón Padín, e Ana Cabaleiro, asesora xurídica do CIM de Mos e avogada da quenda de oficio.
Abel Losada afirmou que a loita contra a violencia de xénero non é unha causa do Goberno de España, senón de toda a sociedade e que os axentes de tódolos corpos policiais son imprescindibles, especialmente as policías locais, que moitas veces son as primeiras en chegar a un incidente, polo que é imprescindible manter actualizada a formación.
A día de hoxe, un total de 22 concellos desta provincia están adheridos a VioGén. Nos últimos dous anos e medio, dende a toma de posesión do actual subdelegado, incorporáronse cinco concellos (Mos, Silleda, Baiona, Cangas e, por suposto, Tomiño). Nesta provincia hai un total de 1.939 casos activos en VioGén, ningún deles en risco extremo. Porén hai 21 mulleres en risco alto, 306 en risco medio e 1.612 en risco baixo.
“Son 1.939 mulleres que necesitan algún grao de protección e que merecen o mellor de todos nós, aínda que saibamos que a protección total non existe. E tede en conta que esas son as que están no sistema e descoñecemos o tamaño do iceberg. A violencia de xénero sempre está aí, visible ou oculta, e, por iso, cantas máis denuncias teñamos mellor”, advertiu Losada.
O subdelegado concluíu agradecendo a implicación dos homes e mulleres das distintas Forzas e Corpos de Seguridade. “Sodes unha peza vital desta engrenaxe. Sodes os destinatarios da primeira chamada dunha muller que está en perigo”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario