25 de abr. de 2026

SALCIDOS (A GUARDA)

A BANDA DE MÚSICA DA AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA ACTUARÁ NA PRAZA DE S ALCIDOS

 O sábado, día 2 de maio, ás 20:00 horas



Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos

 A Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda continúa seu labor de achegar á música ás parroquias do concello de A Guarda e dese xeito compartir co respectable público esa arte, na que os sons e a harmonía van da man, e chegan aos ouvidos da veciñanza, xerando íntimas emocións, lembranzas e gratas sensacións.

 A vindeira actuación da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda - que conta coa colaboración do Concello de A Guarda - será o vindeiro sábado día 2 de maio, ás 20:00 horas, na praza de Salcidos. 

 A iniciativa Concertos nas parroquias, organizada pola Agrupación Musical de A Guarda é unha proposta de éxito, pois grazas a ela a banda de música contribúe activamente a cohesión social e a unidade entre iguais, xerando sentido de comunidade.

 Fai uns días, concretamente o sábado día 18 de abril, a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda ofreceu un concerto na praza da Guía, no barrio de Ribadavila. A acollida na veciñanza foi moi alentadora xerándose elos de unión entre os  músicos e o público, que motivan aos integrantes da banda a ofreceren o mellor de sí mesmos. Porque ademais dos ensaios - verdadeiros espazos de aprendizaxe, convivencia e intercambio interxeneracional -, os músicos tamén precisan sentir o alento dos ouvintes. E os aplausos da audiencia son un magnífico xeito de premiar a dedicación dos compoñentes da banda de música.

 Escoitar música é unha práctica moi saudable, pois reduce o estrés, estimula a memoria e favorece a serenidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario