O PSOE do Porriño atribúe a Alejandro Lorenzo a paralización das 60 vivendas de alugueiro público en Aloques
• As tres parcelas, que permutaban polo local de servizos sociais para desbloquear a promoción, resultaron ter outra titularidade tras unha alegación admitida por Secretaría Municipal do Concello do Porriño
Infogauda / O Porriño
O Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de O Porriño, vén de facer público que [o alcalde] “Alejandro Lorenzo acordou desistir do convenio urbanístico de Aloques, que prevía a construción de 60 vivendas de protección autonómica en réxime de alugueiro, tras detectarse que a titularidade do subsolo das parcelas non era municipal tras a alegación dunha empresa”.
O portavoz do Grupo municipal do PSdeG-PSOE, David Alonso indica que “o proxecto, impulsado mediante unha permuta de tres leiras municipais (37.811, 37.814 e 37.818), contemplaba un investimento global próximo aos 11 millóns de euros, con case 3 millóns de euros en axudas públicas. A cambio dos terreos, o Concello ía recibir un local para Servizos Sociais valorado ao redor de 400.000 euros, que permitiría dispoñer por segunda vez dun espazo accesible e adecuado para a atención social, xa que o anterior goberno socialista comprara varios locais para trasladar o servizo e que finalmente foi utilizado para a sala de estudos.
Con todo, durante a exposición pública, unha mercantil presentou alegacións achegando documentación que cuestiona a titularidade do subsolo, apoiándose nunha escritura de 2008. O informe do secretario municipal é claro: non existe seguridade xurídica suficiente para continuar o convenio, o que obrigou ao Concello para desistir e arquivar o expediente”.
Desde o PSOE do Porriño sinalan “directamente ao alcalde Alejandro Lorenzo como responsable desta situación”. O portavoz socialista David Alonso lamenta que “non se pode anunciar unha promoción de 60 vivendas, nin negociar unha operación de 11 millóns de euros, sen ter garantida a titularidade do chan. Este erro non é técnico, é político e ten un responsable claro, Alejandro Lorenzo”.
Os socialistas consideran que “o fallo non é sobrevido, senón consecuencia dunha tramitación deficiente desde o inicio, sen verificar adecuadamente a situación patrimonial dos terreos antes de presentar o proxecto á cidadanía.
A caída do convenio pon en perigo a construción das vivendas e tería consecuencias directas:
• 60 vivendas públicas de alugueiro que non se construirían.
• Perda dun local de Servizos Sociais accesible.
• Bloqueo dun investimento millonario no municipio.
Todo iso nun contexto de forte presión sobre o mercado de vivenda:
• Aumento de prezos de alugueiro.
• Dificultade de acceso para novos.
• Crecemento das vivendas de uso turístico (VUT) que reducen a oferta residencial”.
Alonso lamenta que “aquí non falamos dun expediente, falamos de mozos que non poden emanciparse, de familias expulsadas polos prezos e dun Concello que deixa caer unha das poucas oportunidades reais de vivenda alcanzable ante a falta de regulación das VUT que asfixia a oferta de alugueiro residencial”.
“Ante a gravidade dos feitos”, o grupo municipal socialista anuncia que solicitará de urxencia no Pleno do luns a comparecencia do alcalde para que explique o acontecido:
“Os veciños teñen dereito a saber como se xestionou este expediente e por qué anunciouse un proxecto sen ter resoltos os elementos fisicos que o facían viable. Este erro garrafal esixe explicacións”, remata David Alonso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario