A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ CASE 11 MILLÓNS DE EUROS NA FORMACIÓN DE 480 PERSOAS DESEMPREGADAS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
• Reguera informou en rolda e prensa sobre a resolución da nova convocatoria dos obradoiros duais de emprego
• Na área territorial de Pontevedra beneficiaranse 17 concellos e unha mancomunidade
Infogauda / Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa no edificio administrativo da Xunta na que informou sobre a nova convocatoria dos obradoiros duais de emprego que a Xunta vén de resolver.
Neste sentido, o delegado destacou os 24 obradoiros duais que se levarán a cabo na provincia de Pontevedra e que permitirán formar a preto de 480 persoas desempregadas. Reguera numerou os distintos concellos que se beneficiarán desta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na área territorial de Pontevedra, sendo Marín e Poio na área de influencia do concello de Pontevedra; a Mancomunidade do Salnés, Vilagarcía de Arousa, Cambados e Vilanova de Arousa na comarca do Salnés; Tui e A Guarda no Baixo Miño; Rodeiro (en colaboración con Dozón e Agolada), A Estrada e Lalín na comarca do Deza-Tabeirós; Caldas de Reis e Moraña (xunto a Valga e Portas) na comarca de Caldas; e Ponteareas na comarca do Condado-Paradanta.
Cabe destacar que cada un destes obradoiros formará a 20 persoas desempregadas que se repartirán en dúas especialidades distintas. A Xunta de Galicia destina un total de máis de 454.000 euros para cada un destes obradoiros que contarán cunha duración de 9 meses, o que supón un investimento total de case 11 millóns de euros para toda a provincia.
Reguera lembrou que estes obradoiros van moito máis aló da formación teórica e destacou que todos os participantes realizarán un traballo efectivo que reverterá a favor do seu concello.

Ningún comentario:
Publicar un comentario