BALONMÁN FEMININO
Á venda as entradas para a decisiva semifinal europea na Sangriña
• O Guardés saca á venda este luns as entradas para o encontro de volta de semifinais da EHF European Cup deste sábado, 25 de abril, ás 20.30 horas fronte ao Costa do Sol Málaga
• O Club decidiu baixar os prezos e promover varias ofertas para encher o pavillón. A entrada xeral é de 20 euros para non aboados e de 10 euros para aboados. Ademais, cada aboado poderá sacar as entradas que queira para acompañantes a 15 euros cada unha na venda anticipada
• Os socios de número terán entrada gratuíta, aínda que deberán recoller a súa invitación igualmente xa sexa na oficina ou no despacho de billetes
• Como novidade, o Club estenderá invitacións para xogadoras Infantil e Cadete de equipos do Baixo Miño e para alumnos dos colexios da Guarda
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés quere encher A Sangriña nun duelo decisivo. Este luns sairon á venda as entradas para o encontro definitivo de semifinais da EHF European Cup, que o equipo baixomiñoto disputará este sábado, 25 de abril ás 20.30 horas na Sangriña ante o Costa do Sol Málaga, e no que espera tirar do apoio da súa afección para certificar un histórico paso á final europea. Para iso, o Club baixou os prezos con respecto ás últimas eliminatorias e lanzou diferentes ofertas. As entradas poden adquirirse xa na oficina polas tardes e a través da plataforma en liña Cluber.
O Guardés espera unha xornada das que deixan pegada no pobo. A expectación na vila baixomiñota pálpase no ambiente, pois o papel da afección será crucial para vencer a un Costa do Sol Málaga que chega disposto a remontar os dous goles de vantaxe que se levaron as de Ana Seabra na súa visita a Carranque o pasado domingo. Este sábado, o encontro será retransmitido pola Televisión de Galicia e comezará ás 20.30 horas, co despacho de billetes aberto desde as 19.30. Para quen non queiran esperar, desde este luns 20 e ata o venres, poden adquirirse xa as entradas para todos os afeccionados na oficina do Club en horario de 17.00 a 20.00 horas ata o venres.
De novo, e como xa acontecera nas eliminatorias anteriores, os prezos varían segundo o tipo de afeccionado, aínda que a novidade é que esta vez reducíronse de xeito significativo. A entrada xeneral para os non aboados será de 20 euros, sen distinción por idades, e pode adquirirse xa na plataforma en liña Cluber: https://app.cluber.es/clubes/b84295873d95a8a4fb331b3b487c16e3cb4794ea/pagos/69e5f11e3229f970881907; así como na oficina a partir da tarde deste luns ou o día do partido no despacho de billetes. O Club lembra que a venda en liña unicamente está dispoñible para este caso, pois a plataforma non permite facer distinción entre aboados e non aboados.
Os aboados, de novo, desfrutarán de varias vantaxes a pesar de que ningún dos distintos tipos de abono anunciados en agosto inclúe a competición europea. Para estas semifinais desfrutarán dun prezo reducido de 10 euros sen distinción entre idades, recollendo as súas entradas ben na oficina entre semana ou ben o sábado en despacho de billetes. Como novidade, poderán sacar ademais tantas entradas para acompañantes como desexen a un prezo de 15 euros, sen límite numérico e sen necesidade de ensinar máis dun carné, pero sempre adquiridas polo abonado en persoa e unicamente na venda anticipada.
Os socios de número, como ocorrera nas outras ocasións, si teñen incluído o encontro na súa subscrición ao Club, polo que non terán que pagar entrada este sábado. Con todo, de novo, deberán recoller a súa invitación para poder acceder, xa sexa durante a semana na oficina ou o mesmo sábado en despacho de billetes.
Os menores de 12 anos, independente de se son aboados ou non, terán entrada gratuíta ao partido, como é habitual tamén nos encontros de Liga.
|
Tipo entrada |
Precio |
Oficina |
Taquilla |
Cluber |
|
Non aboado |
20 euros xeral |
Sí |
Sí |
Sí |
|
Aboado |
10 euros xeral |
Sí |
Sí |
No |
|
15 euros acompañantes |
Sí |
No |
No |
|
|
Socios |
Gratis, pero deberán recoller invitación |
Sí |
Sí |
No |
|
Sub12 |
Gratis |
- |
- |
- |
Aínda que, fóra da oferta de entradas adicionais a 15 euros para acompañantes de aboados, todos os tipos de entrada poden recollerse o sábado en despacho de billetes, o Club agradece que, na medida do posible, os afeccionados recorran á venda anticipada e adquiran as súas entradas na oficina ao longo destas semanas para liberar o despacho de billetes todo o posible o sábado e asegurar un acceso puntual ao pavillón.
Hai ademais dúas novidades importantes con respecto aos últimos envites europeos, enfocadas en encher o pavillón guardés da man de quen máis desfrutan. Por unha banda, o Club repartirá varias invitacións aos distintos colexios da Guarda, para que os seus alumnos e alumnas interesadas poidan asistir gratis a este partido. Como condición, cada neno deberá ir acompañado de polo menos un adulto, a quen se lle ofrece un prezo reducido de 5 euros de entrada. Esta entrada para os adultos acompañantes deberá obterse tanto na oficina como no despacho de billetes, presentando a invitación entregada ao neno polo seu colexio.
Para rematar, tirouse tamén do apoio da base local de referencia, estendendo invitacións ás xogadoras Cadete e Infantil de clubs de balonmán do Baixo Miño da man da Federación Galega de Balonmán. De novo, as nenas poderán asistir gratis ensinando a ficha que certifique a súa pertenza a un equipo, e acompañadas por un adulto que poderá acceder polo prezo reducido de 10 euros. Poderán beneficiarse desta oferta, de novo, tanto na oficina entre semana como no despacho de billetes o día do partido.

Ningún comentario:
Publicar un comentario