21 de abr. de 2026

PONTEVEDRA

A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ CASE 11 MILLÓNS DE EUROS NA FORMACIÓN DE 480 PERSOAS DESEMPREGADAS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA   

 Reguera informou en rolda e prensa sobre a resolución da nova convocatoria dos obradoiros duais de emprego 

 Na área territorial de Pontevedra beneficiaranse 17 concellos e unha mancomunidade 


Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, nun momento da rolda de prensa da mañá de hoxe
Foto: X.G.

Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa no edificio administrativo da Xunta na que informou sobre a nova convocatoria dos obradoiros duais de emprego que a Xunta vén de resolver.  

 Neste sentido, o delegado destacou os 24 obradoiros duais que se levarán a cabo na provincia de Pontevedra e que permitirán formar a preto de 480 persoas desempregadas. Reguera numerou os distintos concellos que se beneficiarán desta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na área territorial de Pontevedra, sendo Marín e Poio na área de influencia do concello de Pontevedra; a Mancomunidade do Salnés, Vilagarcía de Arousa, Cambados e Vilanova de Arousa na comarca do Salnés; Tui e A Guarda no Baixo Miño; Rodeiro (en colaboración con Dozón e Agolada), A Estrada e Lalín na comarca do Deza-Tabeirós; Caldas de Reis e Moraña (xunto a Valga e Portas) na comarca de Caldas; e Ponteareas na comarca do Condado-Paradanta.   

 Cabe destacar que cada un destes obradoiros formará a 20 persoas desempregadas que se repartirán en dúas especialidades distintas. A Xunta de Galicia destina un total de máis de 454.000 euros para cada un destes obradoiros que contarán cunha duración de 9 meses, o que supón un investimento total de case 11 millóns de euros para toda a provincia.   

 Reguera lembrou que estes obradoiros van moito máis aló da formación teórica e destacou que todos os participantes realizarán un traballo efectivo que reverterá a favor do seu concello. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario