Bicentenario da Parroquia de San Xoán de Tabagón (1826-2026)
Joaquín Miguel Villa Álvarez*
Este ano 2026 conmemórase o bicentenario da Parroquia de San Xoán de Tabagón, no Concello do Rosal, unha circunstancia que non pasou desapercibida para a actual comisión de festas que o vai celebrar na festividade de San Xoán do 24 de xuño. Esta freguesía botou a andar tal día coma hoxe fai douscentos anos, o 31 de marzo de 1826, cando tomou posesión da mesma o seu primeiro párroco D. Manuel Francisco Truyteiro. Así figura na primeira páxina do libro primeiro de casados (1826-1854): «Libro de casados de San Juan Bautista de Tabagón, formado por D. Manuel Francisco Truyteiro, primer abad de esta parroquia de nueva erección de la cual se ha posesionado en 31 de marzo de 1826». E tamén o dicía en 1852 o historiador Ávila y La Cueva na súa monumental historia do bispado de Tui: «El 31 de marzo de 1826 tomó posesión el nuevo Abad D. Manuel Francisco Truyteiro y empezó desde entonces a bautizarse, casarse y enterrarse en la nueva iglesia y tuvo principio la formal desmembración [das parroquias de Eiras e San Miguel]. Un feito que era a culminación dun longo proceso iniciado a finais do século XVIII.
O territorio da nova parroquia, situado á entrada ao esteiro do río Miño vindo dende Tui, era coñecido dende antigo como «Os mixtos de Tabagón e as Eiras», dado que, dende un punto de vista relixioso, pertencía ás freguesías de San Bartolomé das Eiras e San Miguel de Tabagón. Non obstante, dada a situación bastante afastada das dúas igrexas parroquiais así como a proxección económica e social, os veciños do lugar foron desenvolvendo unha personalidade propia que lles fixo sentir a necesidade de ter a súa propia parroquia. Debeu ser cara o 1780 cando ditos veciños presentaron ao bispo de Tui a súa vontade de constituírse en parroquia independente. O bispo trasladaría esa proposta ao goberno do Estado o cal fallaría ao seu favor en varias Reais Ordes (1784, 1795 e 1796). Nesas tres disposicións prevíñase a erección dunha nova parroquia no lugar dos Mixtos, e a dotación do seu párroco cos beneficios simples das freguesías das Eiras e San Miguel, quedando reservado o seu produto para a construción da nova igrexa, altares e o demais necesario.
Asegurada así a fonte de financiamento, as obras da nova igrexa comezarían no ano 1804, estando a cargo do mestre de cantería Pedro Pérez, veciño de Santa María de Oia. A construción do templo estaba xa moi avanzada e case rematada cando tivo que suspenderse no ano 1808 pola invasión francesa. Sen embargo, finalizada dita invasión, o grave enfrontamento do contratista co apoderado dos veciños José Martínez Verdeal fixo que en 1813 Pedro Pérez desistise de acabar a obra. Así foi como ao ano seguinte, en 1814, para dar fin ós traballos foi contratado o mestre de cantería José Manuel Palón, natural de Portugal e veciño de Lanhelas, quen axustou as obras de cantería, carpintería e pintura que faltaban, dándoas por rematadas en setembro de 1816.
Construída a igrexa, o 11 de xullo de 1820 o bispo de Tui D. Juan García Benito decretou a erección da parroquia, separándoa definitivamente das freguesías de San Miguel de Tabagón e as Eiras, e dándolle por santo titular a San Xoán Bautista.
Finalmente, o Rei Fernando VII confirmou dita erección por medio da Real Cédula Auxiliatoria datada en Aranjuez o 19 de abril de 1822. E como xa mencionamos ao principio, a inauguración da nova parroquia foi o 31 de marzo de 1826 cando tomou posesión dela o seu primeiro párroco.
No ano 1926 tivo lugar o centenario da parroquia, formándose daquela unha comisión de festas para celebralo por todo o alto o día do padroeiro San Xoán Bautista. E tamén quixeron deixar un recordo en beneficio do pobo mesmo: a reconstrución e urbanización do camiño que dende a carreteira ía ata a igrexa parroquial e o campo de festas, tal e como aparece na fotografía que acompaña estas liñas. Un camiño ao que, nas festas da Virxe da Saúde e San Blas, se accede polo famoso «arco de Tabagón».
* Doutor en Historia Contemporánea pola USC.

Ningún comentario:
Publicar un comentario