A Confraría de Pescadores Santa Tecla reclama unha reforma normativa para flexibilizar o descanso semanal
• E celebra o apoio unánime do Concello a esta demanda histórica
Rubén Adrover Álvarez*
Desde a Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda queremos expresar a nosa satisfacción pola moción aprobada por unanimidade no Pleno do Concello da Guarda o pasado mércores, ao considerar que recolle as principais reivindicacións que levamos décadas trasladando a Consellería do Mar: a modificación do marco normativo autonómico, concretamente do sistema de descanso semanal mediante un mecanismo que permita a flexibilización dos descansos en situacións excepcionais, como as derivadas de temporais. Valoramos moi positivamente que o conxunto da corporación faga súas as nosas reivindicacións tras un comezo de ano nefasto para as actividades pesqueiras da Guarda, cunha baixada de facturación que ronda o 80% nos dous primeiros meses do ano.
Con este respaldo institucional, instamos de novo á Consellería do Mar a abordar unha flexibilización normativa. O modelo actual establece un descanso semanal fixo, que se aplica con independencia da meteoroloxía ou doutros factores. O que desde a Guarda reivindicamos é incorporar a este modelo mecanismos para modificar ese descanso en situacións excepcionais e que faga posible e compensar días de inactividade provocados por causas alleas ao sector, como os temporais. O actual marco normativo provoca que, en contextos como o vivido nos últimos meses, a actividade quede practicamente paralizada, sen capacidade de recuperación. Para unha vila como a Guarda, con máis de 100 familias vinculadas de forma directa ás actividades da Confraría, esta situación supón un drama desde o punto de vista económico e social.
Comparativa con outras comunidades autónomas
Esta rixidez contrasta co modelo existente noutras comunidades do Cantábrico, como por exemplo Asturias e Cantabria, onde a normativa permite modificar os días de actividade mediante resolucións administrativas, autorizar xornadas adicionais e incluso habilitar de forma excepcional a actividade en fins de semana. Estas autorizacións danse en situacións excepcionais e debidamente xustificadas, como son os temporais prolongados ou as paradas forzosas. Desde a Guarda, consideramos que a Xunta debe traballar para implantar un modelo deste tipo, flexible e adaptativo, que permita responder á realidade de flotas como a guardesa, cunha actividade totalmente condicionada pola realidade meteorolóxica.
Así mesmo, desde a Confraría queremos subliñar que esta proposta de flexibilización non supón en ningún caso aumentar o esforzo pesqueiro total, nin implica unha maior presión sobre os recursos mariños. Limítase a abrir a posibilidade de reorganizar os días de traballo, permitindo recuperar aqueles perdidos por causas alleas ao sector. A normativa actual funciona como unha limitación estrutural pechada que choca coas necesidades que o mar impón nunha zona de mar aberto como son as costas da Guarda. Esta limitación, xunto co feito de carecer dunha ría de abrigo onde poder sobrelevar as épocas de intenso temporal, sitúa a unha frota artesanal como a da Guarda nunha clara desvantaxe competitiva e operativa.
Chamamento á Xunta de Galicia
Á vista desta realidade, e do respaldo institucional expresado polo Concello da Guarda de forma unánime, a Confraría reclama á Xunta de Galicia, e en particular á Consellería do Mar, unha modificación normativa urxente. A Confraría, abre as portas á Conselleira para que veña coñecer a Confraría da Guarda e comprobe de primeira man a realidade do sector. +
Por outra banda, aproveitamos para valorar positivamente que por fin se teñan anunciado axudas para o sector do marisqueo a pé, que vive unha situación crítica. Con todo, e á espera de ver como se plasman definitivamente no DOG, a nosa valoración inicial é que son totalmente insuficientes e abordan de xeito moi parcial as perdas causadas por mor dos episodios de temporal. Instamos á Consellería do Mar a reconsiderar este plan e incluír medidas que abarquen ao conxunto de profesionais do mar que nos vimos afectados pola concatenación de temporais. Por último, reiterando a nosa total disposición á colaboración e ao diálogo, insistimos en que precisamos respostas normativas concretas e inmediatas, que nos permitan afrontar un contexto cada vez máis condicionado pola meteoroloxía e o cambio climático.
* Patrón Maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla, de A Guarda

Ningún comentario:
Publicar un comentario