31 de mar. de 2026

DEPORTES

A Mata vibrará co fútbol base cos máis de 350 participantes no XVI ORosalCup   

 Este torneo transfronteirizo organizado pola UD Ribera reunirá esta Semana Santa a equipos galegos e portugueses da categoría infantil convertendo ao municipio nun referente deportivo  


O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, e un directivo da UD Ribera, na presentación do XIV ORosalCup
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 O son do balón volverá marcar o pulso do Rosal esta Semana Santa. O campo municipal da Mata volverá transformarse durante dous días nun escenario de ilusión, esforzo e compañeirismo coa celebración do XIV ORosalCup, un torneo transfronteirizo que reunirá a máis de 350 participantes e que consolidará o municipio como epicentro do fútbol base. 

 Os días 3 e 4 de abril, un total de 15 equipos da categoría infantil procedentes de Galicia e Portugal, daranse cita nunha competición que vai moito máis alá do deporte, converténdose nun espazo de encontro, convivencia e aprendizaxe. Organizado pola UD Ribera co apoio do Concello do Rosal, o evento atraerá tamén a centos de familiares e afeccionados, xerando un ambiente único e un importante impacto no tecido local. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o valor desta cita como motor social e deportivo no municipio. “Este torneo representa moito máis que fútbol. É un espazo onde a mocidade medra en valores como o respecto, o esforzo e o traballo en equipo e onde tamén se crean lazos entre territorios veciños”. A rexedora puxo en valor tamén “o compromiso do tecido deportivo local por organizar eventos que sitúan ao Rosal no mapa e que dinamizan a vida do concello”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou que “o ORosalCup é xa unha cita consolidada que cada ano gaña en calidade e participación. É un orgullo ver como durante estes días A Mata se enche de vida, deporte e ilusión, cun ambiente que combina competición e convivencia”. 

 A competición desenvolverase en dúas xornadas intensas. O venres 3 disputarase a fase preliminar, na que equipos como UD Ribera A e UD Ribera B, AD Tomiño, UD Atios, Moledo CF, Balaídos CF, Gondomar CF e ED Salvatierra loitarán por avanzar. O sábado 4 será a quenda dos equipos que se incorporan á liguilla final, entre eles ED Val Miñor A, Moreirense Futebol Clube, Ural Español CF, UD Santa Mariña, Pontevedra CF, Vitoria SC e Racing Club Ferrol, nunha xornada que culminará coa entrega de premios e a clausura do torneo. 

 Dous días de emoción, deporte e convivencia que converten ao Rosal nun escaparate do talento máis novo e nun exemplo de como o deporte pode unir comunidades arredor dunha mesma paixón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario