A Mata vibrará co fútbol base cos máis de 350 participantes no XVI ORosalCup
• Este torneo transfronteirizo organizado pola UD Ribera reunirá esta Semana Santa a equipos galegos e portugueses da categoría infantil convertendo ao municipio nun referente deportivo
Infogauda / O Rosal
O son do balón volverá marcar o pulso do Rosal esta Semana Santa. O campo municipal da Mata volverá transformarse durante dous días nun escenario de ilusión, esforzo e compañeirismo coa celebración do XIV ORosalCup, un torneo transfronteirizo que reunirá a máis de 350 participantes e que consolidará o municipio como epicentro do fútbol base.
Os días 3 e 4 de abril, un total de 15 equipos da categoría infantil procedentes de Galicia e Portugal, daranse cita nunha competición que vai moito máis alá do deporte, converténdose nun espazo de encontro, convivencia e aprendizaxe. Organizado pola UD Ribera co apoio do Concello do Rosal, o evento atraerá tamén a centos de familiares e afeccionados, xerando un ambiente único e un importante impacto no tecido local.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o valor desta cita como motor social e deportivo no municipio. “Este torneo representa moito máis que fútbol. É un espazo onde a mocidade medra en valores como o respecto, o esforzo e o traballo en equipo e onde tamén se crean lazos entre territorios veciños”. A rexedora puxo en valor tamén “o compromiso do tecido deportivo local por organizar eventos que sitúan ao Rosal no mapa e que dinamizan a vida do concello”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou que “o ORosalCup é xa unha cita consolidada que cada ano gaña en calidade e participación. É un orgullo ver como durante estes días A Mata se enche de vida, deporte e ilusión, cun ambiente que combina competición e convivencia”.
A competición desenvolverase en dúas xornadas intensas. O venres 3 disputarase a fase preliminar, na que equipos como UD Ribera A e UD Ribera B, AD Tomiño, UD Atios, Moledo CF, Balaídos CF, Gondomar CF e ED Salvatierra loitarán por avanzar. O sábado 4 será a quenda dos equipos que se incorporan á liguilla final, entre eles ED Val Miñor A, Moreirense Futebol Clube, Ural Español CF, UD Santa Mariña, Pontevedra CF, Vitoria SC e Racing Club Ferrol, nunha xornada que culminará coa entrega de premios e a clausura do torneo.
Dous días de emoción, deporte e convivencia que converten ao Rosal nun escaparate do talento máis novo e nun exemplo de como o deporte pode unir comunidades arredor dunha mesma paixón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario