5 de feb. de 2026

A GUARDA

As obras da piscina municipal da Guarda avanzan para conseguir unha infraestrutura referente na comarca  

As instalacións pecharon por obras, o pasado 6 de decembro de 2025 e así permanecerá durante o ano 2026


O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro de Vías e Obras, Isidro Lomba Lorenzo, visitaron ás obras de rehabilitación integral da piscina municipal climatizada
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro de Vías e Obras, Isidro Lomba Lorenzo, visitaron a piscina municipal para comprobar os avances das obras de rehabilitación integral.  

 A piscina pechouse no mes de decembro para dar comezo a esta renovación total, que fará que permaneza pechada durante o 2026.   

 As obras atópanse na fase de derrubamento e escombros, cunhas instalacións da piscina municipal xa pouco recoñecibles. 

 Entre as actuacións previstas destaca a rehabilitación enerxética, reducindo nun 78% o seu consumo. Para iso procederase á instalación de paneis fotovoltaicos; dun novo sistema de climatización por aerotermia; do sistema de illamento térmico exterior (SATE); do sistema hidráulico e tratamento da auga; así como ao cambio de toda a iluminación por tecnoloxía LED de baixo consumo.  

 As instalacións deportivas tamén sufrirán cambios e melloras importantes cunha piscina pequena, un baño turco e a renovación do ximnasio, zona de spa e de vestiarios. En todos os espazos, garántese a accesibilidade universal, eliminando barreiras arquitectónicas e realizando melloras en accesos e equipamentos adaptados.   

 Deste xeito, a renovación da piscina municipal permitirá un servizo deportivo e de saúde accesible durante todo o ano, non só para os habitantes da Guarda, senón que tamén para os da súa comarca, sendo a única piscina cuberta pública do Baixo Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario