21 de xan. de 2026

VILAGARCÍA DE AROUSA

A CIG segue adiante coas mobilizacións por un convenio digno na conserva tras a proposta da mediación que empeora a da patronal 

 Fai un chamamento a participar na manifestación deste sábado 24 dende a Praza Ravella de Vilagarcía (diante do Concello) ás 11:30 horas 




Infogauda / Vilagarcía

 A CIG decidiu seguir adiante coas mobilizacións convocadas no sector da conserva de peixes e mariscos para reclamar un convenio colectivo digno tras a proposta presentada onte pola mediación no SIMA que empeora aínda máis a achegada pola propia patronal. De xeito que fai un chamamento a participar na manifestación que arrincará este sábado día 24 dende a Praza Ravella, de Vilagarcía (diante do Concello) ás 11:30 horas e que rematará na Praza de Galiza. 

 Na central sindical consideran que a convocatoria dunha nova reunión no SIMA en Madrid o 2 de febreiro “non pode levarnos á suspensión das medidas de presión acordadas, porque a proposta trasladada non supón ningún avance en dereitos para as persoas traballadoras do sector da conserva, que é o único que xustificaría a desconvocatoria das mobilizacións”. Polo que lamentan que CCOO e UGT se teñan descolgado da manifestación e da folga prevista a pesar de que non se recollen as principais demandas dos cadros de persoal. 

 De feito, a proposta de onte está moi lonxe das reclamacións do sector recollidas nas distintas plataformas sindicais, “polo que a oferta do mediador non lles debera de valer a CCOO e UGT, xa que empeora as presentadas anteriormente”. Neste senso, a central considera que se oferta “unha chapuza” de modificación da actual clasificación profesional, “sobre a base de que todo siga como está e de que o recoñecemento de categoría superior sexa unha cuestión meramente arbitraria e dependa exclusivamente da decisión de cada empresa”.  

 E cualifica de “barbaridade” aceptar un convenio con vixencia de seis anos e cun empeoramento da cláusula de revisión salarial, “que tanto traballo custou introducir no anterior convenio”. Ademais, rexeita por “ridículos” os incrementos de soldo propostos: un 2,9% en 2025, un 2,5% en 2026, un 2,5% en 2027, un 2,0% en 2028, un 1,5% en 2029 e un 1,5% en 2030. 

 A proposta inclúe tamén unha ‘mellora’ de catro horas/ano para acompañamento médico de crianzas e parente a cargo. “Isto é unha tomadura de pelo, pois un permiso anual de catro horas non chega para atender o obrigado coidado de persoas a cargo”. 

 O que non contempla é nin unha soa hora de redución de xornada laboral en toda a súa vixencia, “xa que polo que se ve aos supostos asinantes do convenio acabóuselles a determinación que tiñan para esixir a tan cacarexada redución de xornada anual”.  

Sistema de clasificación profesional 

 Dende a central nacionalista inciden na necesidade de contar cun novo sistema de clasificación profesional baseado na valoración de postos de traballo, “pero claro e transparente, que non dea pé a discrecionalidades nin decisións de encadramento arbitrarias por parte das empresas”. Para o que considera necesario definir claramente cada nivel e anexar un catálogo con todos os postos de traballo e o seu encadre nos niveis (nomenclátor). 

 Tamén demandan complementos obxectivos e regulados no convenio: quendas, frío, perigosidade, polivalencia, etc. “É unha débeda histórica co sector que se lle recoñeza ao persoal de fabricación certas condicións e coñecementos específicos”. Así como pactar claramente en que nivel se sitúa cada unha das categorías actuais e asignar o persoal a cada nivel en función do súa categoría e do traballo que realiza. E por último, reclama unha suba salarial lineal en todas os niveis que garanta uns salarios dignos para o persoal. 

Avanzar na mellora das condicións 

 “Nós defendemos un modelo común, transparente e con dereitos, para que ninguén cobre menos, polo que continuaremos insistindo coas nosas propostas para seguir a mellorar o convenio colectivo”. 

 Entre elas, a promoción automática aos dous anos nos postos de traballo; remate e acordo final xa da nova clasificación profesional; suba de categorías laborais e para todas as persoas traballadoras; igualdade retributiva; incrementos de soldos do 5% en todos os conceptos retributivos cada ano de convenio (2025, 2026 e 2027); mellora das licenzas e permisos retribuídos e que se computen en días laborais; e redución da xornada laboral anual máxima (1.715 horas en 2025, 1.700 en 2026 e 1685 en 2027). 

 Ademais, o descanso do bocadillo deberá de considerarse tempo efectivo de traballo e as vacacións serán de 31 días laborais. 

 “Hai razóns máis que suficientes para seguir dando a loita por un bo convenio colectivo para a conserva, pero depende da patronal negociar seriamente para concretar avances reais ou seguir dando largas sen horizonte. Pola nosa parte estamos dispostas a negociar e asinar para mellorar e avanzar nunhas condicións dignas para as persoas traballadoras do sector”, rematan dende a CIG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario