21 de xan. de 2026

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia renova a colaboración coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños para a xestión e atención dos exemplares que varan na costa galega 

 O acordo garante a asistencia inmediata, recuperación e estudo daqueles que chegan ao litoral co obxectivo de facilitar a volta ao medio natural dos que están vivos e coñecer as causas de falecemento dos que recalan mortos


A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un novo convenio cos responsables da entidade 
Foto: X.G


Infogauda / Santiago de Compostela

 A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a vicepresidenta da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), Uxía Vázquez, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración entre as partes co fin de garantir durante este ano a asistencia, recuperación e estudo dos exemplares de réptiles e mamíferos mariños que acaben varando no litoral de Galicia.  

 O acordo dá continuidade a un traballo conxunto de máis dun cuarto de século -a primeira colaboración entre o Executivo galego e a Cemma remóntase a 1999- e permitirá continuar coas accións que se veñen desenvolvendo para a xestión e atención dos exemplares de réptiles -en especial das tartarugas mariñas- e mamíferos mariños que chegan ás costas galegas con algún tipo de dificultade.  

 Deste xeito, esta organización non gobernamental comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños no litoral da comunidade; á prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a súa posterior hospitalización, tratamento e alimentación; e no caso de falecemento, a identificación, se é posible, das causas da morte mediante a realización dos correspondentes exames e a recollida de mostras.  

 A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola súa parte, ocuparase do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir ás especies varadas na franxa costeira, en especial, aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados. Para iso achegará 15.000 euros para contribuír a financiar o traballo da Cemma no período comprendido entre o 16 de decembro de 2025 e o 15 de decembro do presente exercicio.  

 A sinatura deste convenio enmárcase nas funcións que ten atribuídas o departamento autonómico para a defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como ao estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e as posibles medidas a adoptar que poidan reverter esta situación.  

 Neste sentido, a conselleira explicou que a colaboración coa Cemma se basea na ampla traxectoria e experiencia desta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos réptiles e mamíferos mariños varados nas costas da comunidade e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios asinados co Goberno autonómico desde o ano 2003.  

 De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de varamentos de Galicia, xa que os exemplares tratados soen ser especies protexidas, o que require das pertinentes autorizacións.  

Balance de 2025 

 Durante o ano pasado, e ao abeiro do anterior convenio coa Xunta, rexistráronse nas costas galegas un total de 377 varamentos, dos que a maioría (máis do 85%) foron de cetáceos, ademais de tartarugas, lobos mariños, lontras e peixes de gran tamaño como peixes espada, atúns ou quenllas. Esta cifra supón un importante descenso en relación con 2024, cando se contabilizaron no litoral de Galicia preto de 700 casos.  

 Destes exemplares que chegan á costa -moitos deles incluídos no Listado e no Catálogo español de especies ameazadas-, un 10% adoitan estar con vida, polo que é fundamental que reciban asistencia e atención inmediata co fin de garantir a súa recuperación e que poidan volver o antes posible ao medio natural. No caso dos que chegan mortos, o estudo dos seus corpos é vital pois aporta información imprescindible para a adopción de medidas coas que incidir nas causas directas e indirectas deses episodios e, por tanto, nas ameazas sobre estas especies.

Ningún comentario:

Publicar un comentario