23 de xan. de 2026

VIGO

A Plataforma SOS Sanidade Pública concentrouse no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Para denunciar a situación de colapso que está a sufrir a sanidade pública da nosa área sanitaria


Imaxes da concentración de integrantes da Plataforma SOS Sanidade Pública e cidadáns de diferentes concellos da provincia, no Hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo

Plataforma SOS Sanidade Pública / Vigo

 Hoxe estamos aquí no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, na zona 0 dos recortes sanitarios en Galicia, para denunciar a situación de colapso que está a sufrir a sanidade pública da nosa área sanitaria. Unha situación que non é só froito do desleixo, senón que é o síntoma principal das continuas políticas de recortes e privatización da que a nosa área semella ser banco de probas.  

 O que estamos a vivir hoxe son as consecuencias das condicións nas que se fixo a licitación, a construción e a xestión deste hospital. A Plataforma SOS Sanidade Pública e a cidadanía de Vigo demos contestación ao cambio de proxecto denunciando publicamente e mesmo xudicializando ilegalidades detectadas na licitación deste centro. 

 O informe do Consello de Contas reafirma as denuncias que a Plataforma leva facendo desde que se confirmou este cambio de modelo de hospital e cuestiona a legalidade de determinados aspectos da licitación, polo que exiximos responsabilidades políticas. 

 As pasadas semanas este hospital volveu ser noticia polo colapso no servizo de urxencias, que evidenciou problemas non só en urxencias senón na falta de camas, existindo demoras de días para trasladar doentes a plantas. Este problema é recorrente xa que é consecuencia de: 

Ter construído un hospital máis pequeno, que non cubre as necesidades da poboación da área sanitaria, para favorecer o negocio da sanidade privada. 

Non ter reforzado a Atención Primaria, con déficit de persoal en todas as categorías e infraestruturas inaxeitadas; a consecuencia disto son as listas de agarda en Primaria que superan as tres semanas. 

Uns servizos hospitalarios sen o cadro de persoal nin espazos suficientes para dar resposta ás necesidades da cidadanía. Unhas intolerables listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas. 

Unha carteira de servizos insuficientes para manter o negocio da sanidade privada. 

A sobrecarga de profesionais de enfermería, insuficientes para dar resposta á cronicidade e á dependencia, con retraso no seguimento de patoloxías crónicas e dificultade para garantir unha atención de calidade a persoas dependentes. 

Cunha parte da poboación da nosa área sanitaria sendo atendida en POVISA, cun concerto económico sen transparencia, e sen alternativa pública neste momento para poder reverter esta situación. 

 Non pode quedar impune: 

1. Facer que a cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á sociedade concesionaria do HAC.  

2. Facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da área sanitaria.  

3. Manter e incluso aumentar o negocio da sanidade privada.   

 Defendemos RECONSTRUÍR as cousas que estaba previsto facer e que, por decisión política, non se fixeron.  

1. Reversión da concesión e rescate do Álvaro Cunqueiro. Exiximos a decisión política de reverter a concesión do hospital, rescatando o Álvaro Cunqueiro para o ámbito do público.  

2. Ampliación e dotación hospitalaria.  

a. Ampliar o HAC co que figuraba no proxecto inicial para garantir 1.265 camas.  

b. Restituír unha Unidade de Coidados Mínimos con 148 Camas, a Unidade de Docencia e Investigación e unha unidade de Rehabilitación.  

c. Poñer a pleno rendemento as camas do Hospital do Meixoeiro (422) e do Hospital Nicolás Peña (117).  

d. Recuperar a poboación de 300.000 persoas usuarias de Pontevedra que antes tiña servizos especializados en Vigo (Cirurxía Torácica, Cardíaca, Hemodinámica, etc.).  

3. A Reordenación asistencial da área de Vigo, reivindicando a construción dun Centro de Alta Resolución (CAR) coas especialidades más demandadas pola poboación, no centro de Vigo, dado que a implantación do Álvaro Cunqueiro no arrabalde da cidade provocou un distanciamento dos recursos hospitalarios.  

4. Recuperación da Atención Primaria  

a. A recuperación da Atención Primaria, con aumento da inversión, analizando as necesidades de recursos, tanto humanos como estruturais, dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da nosa área sanitaria.  

b. Para o Morrazo exiximos a construción do novo Centro de Alta Resolución na Rúa coas especialidades máis demandadas, e o PAC de Atención Primaria. 

c. Rematar xa o centro de saúde de Moaña co seu PAC, ampliar o de Cangas (trasladando o PAC ao CAR) e construír o novo Centro de Saúde no Hío, tal e como estaba previsto, para dar cobertura a poboación de Aldán e O Hío.  

d. Dotación do C.S. Olimpia Valencia con persoal propio, mantendo o C.S. Nicolás Peña e garantindo o servizo de pediatría en todos os centros de saúde da área sanitaria. 

 Para que todo isto sexa posible é necesario garantir o incremento da inversión en sanidade pública na área sanitaria de Vigo, e que os cartos públicos se utilicen para reforzar a Atención Hospitalaria e recuperar a Atención Primaria, e non para incrementar o negocio da sanidade privada. 

 Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública facemos un chamamento a cidadanía da Área Sanitaria a participar na manifestación convocada en Santiago o vindeiro 1 de febreiro de 2026 desde a Alameda de Santiago de Compostela ás 12:00 horas, xa que a sanidade pública non se vende, deféndese. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario