5 de xan. de 2026

MAR

Gardacostas de Galicia realizou en 2025 case 10.000 inspeccións, retirou 36.000 aparellos ilegais e incautou máis de 27.000 quilos de produto 

   Galicia é a única comunidade autónoma cun corpo propio de vixilancia marítima, clave para garantir a explotación responsable dos recursos pesqueiros e marisqueiros


O servizo de Gardacostas de Galicia conta cunha estrutura operativa profesionalizada e con medios marítimos, terrestres e aéreos que permiten unha presenza permanente no mar e no litoral ao longo de todo o ano

Foto: Gardacostas de Galicia

Infogauda / Galicia

 Gardacostas de Galicia pecha o ano 2025 cun balance que reflicte a dimensión do labor desenvolvido na loita contra o furtivismo e a pesca ilegal no litoral galego. Ao longo do exercicio realizáronse 9.704 inspeccións, retiráronse máis de 36.000 aparellos de pesca prohibidos e incautáronse 27.477 quilos de produto, principalmente marisco e peixe capturado de forma irregular. Estes datos poñen de manifesto o papel clave deste servizo público —único no Estado e referente a nivel europeo— para garantir unha explotación responsable dos recursos mariños e asegurar que os produtos do mar chegan aos mercados a través dos canles legais e con todas as garantías para os consumidores.  

 A actividade desenvolvida por Gardacostas de Galicia resulta esencial para protexer os bancos marisqueiros e as pesqueiras, combater prácticas que poñen en risco a sustentabilidade ambiental e económica do sector e apoiar ás persoas profesionais que exercen a súa actividade cumprindo a normativa. O servizo conta cunha estrutura operativa profesionalizada e con medios marítimos, terrestres e aéreos que permiten unha presenza permanente no mar e no litoral ao longo de todo o ano.  

 Durante 2025, a maior parte da actividade ilegal detectada estivo vinculada á extracción de polbo e marisco, recursos de alto valor comercial e especialmente sensibles á presión furtiva. As actuacións de control concentráronse maioritariamente nas Rías Baixas, onde existe unha maior intensidade de actividade marisqueira, e reforzáronse especialmente nos meses de primavera e verán, períodos nos que se concentra a maior parte dos operativos e das infraccións. No marco destes operativos, retiráronse 16.769 nasas e 15.439 cacharros ilegais, así como máis de 167.000 metros de artes de enmalle, fundamentalmente miños e trasmallos, evitando un impacto significativo sobre os ecosistemas mariños e sobre a viabilidade futura dos recursos.  

 Xunto ás funcións de inspección e control, Gardacostas de Galicia desempeñou tamén un papel destacado na defensa da trazabilidade e da seguridade alimentaria, actuando en coordinación con outros departamentos da Xunta, cos servizos de saúde pública e coas forzas e corpos de seguridade do Estado. Este traballo conxunto reforza a confianza dos consumidores nos produtos do mar galegos e contribúe a consolidar a Galicia como un territorio de referencia en gobernanza marítimo-pesqueira.  

 A Xunta subliña que este modelo de actuación integral, baseado na vixilancia, a prevención, a coordinación institucional e a proximidade ao sector, converte a Gardacostas de Galicia nun instrumento estratéxico das políticas marítimo-pesqueiras, clave para a conservación dos recursos, a legalidade da cadea mar-industria e o futuro dunha actividade sostible, segura e con garantías para a cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario