21 de xan. de 2026

DEPORTES

ATLETISMO

Alba Vasconcellos Rodríguez, convocada coa Selección Galega Sub16 

 Para o Campionato de España de Campo a través


Alba Vasconcellos Rodríguez
Foto: S.A.do T.

Redacción Deportes / A Guarda 

 O club Sociedade Atlética do Trega, con sede en Tomiño, estará representado este sábado nunha das citas máis importantes do calendario nacional de campo a través. A atleta Alba Vasconcellos Rodríguez, nacida na Guarda, desprazarase ata Almodóvar del Río (Córdoba) tras ser seleccionada para representar a Galicia coa Selección Feminina Sub16 no Campionato de España de Campo a través Sub16 e Sub18 por Federacións Autonómicas, despois de cumprir cos criterios deportivos esixidos pola Federación Galega de Atletismo para formar parte da convocatoria. 

 Cabe destacar que Alba é novel na categoría Sub16, o que outorga aínda máis valor a esta convocatoria e pon de manifesto a súa rápida progresión, talento e capacidade de adaptación ao alto nivel competitivo. 

 Esta selección supón un importante recoñecemento ao traballo, a constancia e a evolución deportiva da atleta, que se gañou a súa praza entre as mellores corredoras de Galicia grazas ao seu esforzo e compromiso ao longo da tempada. Vestir a camiseta da Selección Galega é un orgullo tanto para Alba como para todo o club. 

 "Desde a Sociedade Atlética do Trega queremos desexarlle moita sorte nesta importante competición e trasladarlle o noso orgullo pola súa dedicación, sacrificio e perseveranza, valores que representa dentro e fóra do circuíto. Este logro demostra que o traballo constante sempre dá os seus froitos e que, con esforzo, todo chega. 

 Moita sorte, Alba! Galicia e a Sociedade Atlética do Trega estarán contigo en Almodóvar del Río".

Ningún comentario:

Publicar un comentario