CONTINÚAN OS ENCONTROS COMARCAIS ENMARCADOS NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
• Continúa o Programa desenvolvido polo Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra en colaboración coa Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra, dirixido a favorecer a coordinación e a creación de sinerxias entre os profesionais implicados.
• No que vai de ano celebráronse reunións as comarcas de Baixo Miño e Caldas de Reis.
O Colexio de Farmacéuticos e a Unidade de Violencia contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno continúan levando o seu Programa de Intervención do farmacéutico en materia de violencia ás diferentes comarcas da provincia de Pontevedra, a través do cal a profesión farmacéutica participa activamente en distintas accións de información, prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
O primeiro destes encontros celebrouse na comarca do Deza o pasado 30 de outubro, ao que seguiron a comarca do Morrazo o 6 de novembro; Baixo Miño o 15 de xaneiro; e este pasado xoves 22 de xaneiro celebrouse o da comarca de Caldas de Reis.
Nestes encontros, pioneiros en Galicia, déronse cita farmacéuticos das farmacias e dos centros de saúde dos municipios das comarcas, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García, e a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez, responsables dos diversos centros de información á muller, así como membros do equipo Viogen da Garda Civil e da Policía Nacional segundo as súas competencias.
“Con estes encontros pretendemos mellorar a coordinación entre todos os axentes intervenientes en materia de violencia, poñéndonos cara e permitindo que cada profesional coñeza os recursos, protocolos e o traballo que realizan os demais, dando a coñecer ademais a integración da farmacia na rede de puntos violeta para prevención e protección das vítimas de violencia impulsada polo Ministerio de Igualdade”, indicou a presidenta do COF de Pontevedra, Beatriz García. E engade: “Contar coa presenza do subdelegado do Goberno Abel Losada e dos alcaldes e alcaldesas dos municipios que acollen os encontros é importante para nós, xa que indica a relevancia desta iniciativa e o seu valor social”.
Pola súa banda, o subdelegado do goberno Abel Losada destacou o importante papel que poden ter os farmacéuticos na detección e axuda a mulleres vítimas, debido á súa proximidade ao paciente, especialmente no caso dos farmacéuticos rurais, onde en moitas ocasións o farmacéutico comunitario é o único profesional sanitario ao que estas mulleres poden acudir en busca dun espazo seguro.
Os encontros comarcais continuarán o próximo día 5 de febreiro no Salnés (Vilagarcía de Arorusa).

Ningún comentario:
Publicar un comentario