A mocidade enche de agarimo os buzóns das persoas maiores de Tomiño
• Arredor de 614 persoas veciñas de máis de 85 anos do concello recibirán unha postal de Nadal personalizada creada polo alumnado de educación primaria e secundaria
Infogauda / Tomiño
En Tomiño o Nadal viaxa de xeración en xeración. A maxia destas datas volve coller forma de papel, cores e palabras agarimosas grazas a unha iniciativa que leva conectando á infancia e mocidade tomiñesa coas persoas maiores do concello.
Este Nadal, un total de 614 veciños e veciñas maiores de Tomiño recibirán unha postal personalizada de Nadal e Aninovo, elaborada a man por 614 nenas e nenos dos centros de educación primaria do municipio e do IES Antón Alonso Ríos. Cartas únicas e personalizadas pensadas para que ningunha persoa maior de 85 anos quede sen unha mensaxe de afecto nestas datas tan sinaladas. O proxecto levará cartas tanto as persoas maiores das residencias como a aquelas que viven nos seus fogares ou a usuarios e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar.
A iniciativa xurdiu no ano 2020, en plena pandemia, da man do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, e consolidouse co paso dos anos como un proxecto interxeracional cargado de significado. Antes de que chegue o Nadal, o alumnado participante ponse mans á obra para deseñar e escribir postais cheas de ilusión, recuperando tamén a tradición de escribir cartas a man.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor humano da iniciativa, “un dos proxectos máis fermosos que facemos como concello, porque fala de coidado, de respecto e de comunidade. As postais levan moito máis ca palabras: levan tempo, ilusión e unha mensaxe clara de que en Tomiño ninguén está só no Nadal”.
Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade, Agustín González, puxo en valor o papel da infancia. “As nenas e nenos demostran unha sensibilidade enorme. Con cada debuxo, mensaxe e frase están a aprender valores como a empatía e a solidariedade, ao tempo que crean lazos reais coas persoas maiores”, recalcou.
En moitos casos, estas cartas teñen resposta. Algunhas persoas maiores escriben de volta, dando lugar a pequenas historias de amizade entre xeracións moi distintas que atopan no papel un punto de encontro. Un xesto sinxelo que converte o Nadal en algo máis profundo: un tempo para compartir, lembrar e sentir que se forma parte dunha comunidade viva e coidadora.

Ningún comentario:
Publicar un comentario