23 de dec. de 2025

TOMIÑO

A mocidade enche de agarimo os buzóns das persoas maiores de Tomiño 

 Arredor de 614 persoas veciñas de máis de 85 anos do concello recibirán unha postal de Nadal personalizada creada polo alumnado de educación primaria e secundaria  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, cun grupo de persoas mozas que participaron na presente edición desta iniciativa
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 En Tomiño o Nadal viaxa de xeración en xeración. A maxia destas datas volve coller forma de papel, cores e palabras agarimosas grazas a unha iniciativa que leva conectando á infancia e mocidade tomiñesa coas persoas maiores do concello. 

 Este Nadal, un total de 614 veciños e veciñas maiores de Tomiño recibirán unha postal personalizada de Nadal e Aninovo, elaborada a man por 614 nenas e nenos dos centros de educación primaria do municipio e do IES Antón Alonso Ríos. Cartas únicas e personalizadas pensadas para que ningunha persoa maior de 85 anos quede sen unha mensaxe de afecto nestas datas tan sinaladas. O proxecto levará cartas tanto as persoas maiores das residencias como a aquelas que viven nos seus fogares ou a usuarios e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. 

 A iniciativa xurdiu no ano 2020, en plena pandemia, da man do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, e consolidouse co paso dos anos como un proxecto interxeracional cargado de significado. Antes de que chegue o Nadal, o alumnado participante ponse mans á obra para deseñar e escribir postais cheas de ilusión, recuperando tamén a tradición de escribir cartas a man. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor humano da iniciativa, “un dos proxectos máis fermosos que facemos como concello, porque fala de coidado, de respecto e de comunidade. As postais levan moito máis ca palabras: levan tempo, ilusión e unha mensaxe clara de que en Tomiño ninguén está só no Nadal”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade, Agustín González, puxo en valor o papel da infancia. “As nenas e nenos demostran unha sensibilidade enorme. Con cada debuxo, mensaxe e frase están a aprender valores como a empatía e a solidariedade, ao tempo que crean lazos reais coas persoas maiores”, recalcou. 

 En moitos casos, estas cartas teñen resposta. Algunhas persoas maiores escriben de volta, dando lugar a pequenas historias de amizade entre xeracións moi distintas que atopan no papel un punto de encontro. Un xesto sinxelo que converte o Nadal en algo máis profundo: un tempo para compartir, lembrar e sentir que se forma parte dunha comunidade viva e coidadora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario