17 de nov. de 2025

TUI

A Panadería despedirase en Tui coa derradeira función de “As que limpan” 

  Este sábado, 22 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Municipal. 

  As últimas entradas están á venda en tui.gal  


A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, con Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, integrantes do grupo A Panadería
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Un teatro comprometido, actual, fresco e con humor. Así teñen sido dende 2013 as propostas teatrais de A Panadaría, a compañía formada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman que este sábado, ás 20:00 horas, no Teatro Municipal de Tui, se despedirá coma compañía. 

 Hoxe no escenario do teatro tudense, onde este sábado representarán a derradeira función de “As que Limpan” falaron do percorrido deste doce anos.  

 Areta Bolado, Noelia  Castro e Ailén Kendelman recoñecían que “transitar este momento”, a despedida, non é doado, pero “era necesario” aínda que lles dea pena.  

 “Pan!pan!”, “Panamericana”, “Elisa e Marcela” e “As que Limpan” son as catro montaxes teatrais que levaron a escena nestes anos e que lles teñen valido numerosos galardóns, entre eles varios premios María Casares, así coma o aplauso do público.   

 Este sábado volverán subir ao escenario para despedirse. E faráno coa derradeira función de “As que limpan”. Dese xeito, en Tui pecharán o círculo dunha obra que comezou precisamente aquí coa súa estrea en febreiro de 2022, e que coma hoxe mesmo explicaban, neste tempo foi mudando en conexión permanente coa actualidade incorporando dende o caso Rubiales ao xenocidio en Gaza ao texto teatral.  Agardan cheo total no teatro tudense, xa que quedan poucas entradas á venda, polo que máis de 500 persoas despedirán á compañía co que de seguro será un aplauso unánime.  

 A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacou o agradecemento do Concello a estas “mulleres valentes” destacando o seu “magnífico talento”, e convidando ao público a esta despedida teatral.   

 As últimas entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 10€ e 7,5€.

Ningún comentario:

Publicar un comentario