13 de nov. de 2025

TUI

“Singularia” estréase este venres no Teatro Municipal de Tui 

  Trátase dun espectáculo de maxia que sae do convencional cunha posta en escena moi coidada da man de Sara Rodríguez, de Magia en la Manga 


“Singularia” presentouse esta mañá no mesmo escenario do Teatro por parte de  Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura; Sara Rodríguez, intérprete; e Gonzalo Albiñana, director

Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 “Singularia” de Magia en la Manga é o espectáculo que este venres 14 de novembro, se vai estrear no Teatro Municipal de Tui. Tras un ano de intenso traballo e unha semana de residencia artística neste espazo escénico a maga Sara Rodríguez levará a cabo trucos que maxia que non se ven habitualmente. Farao todo cunha coidada posta en escena, con material creado a propósito para este evento, con dramaturxia e unha fermosa e sorprendente escenografía.  

 “Singularia” presentouse esta mañá no mesmo escenario do Teatro por parte de  Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura; Sara Rodríguez, intérprete; e Gonzalo Albiñana, director.  

 Sonsoles Vicente cualificaba o espectáculo de “único” amosando a súa satisfacción polo feito de que en Tui se realice a súa estrea absoluta, e amosando o apoio do Concello ás compañías para poder realizar residencias coma a que esta semana tivo Magia en la Manga. Convidaba a concelleira a acudir mañá ao teatro e gozar de toda a maxia que se respira xa no escenario.  

 Gonzalo Albiñana, director, explicou coma este foi un proxecto moi emocionante dende o inicio. Destacou a dramaturxia e a posta en escena que “van máis aló dun espectáculo de maxia tradicional”.  Engadiu coma en “Singularia” recollen “o singular que ten cada persoa e a maxia” apuntando que aquí “a maxia é o vehículo para contar historias”.  

 A maga Sara Rodríguez afirmou que grazas á residencia artística desta semana remataron de compoñer un puzzle que mañá o público poderá gozar, con trucos de maxia que non se ven habitualmente noutros espectáculos.  

 Así este venres, dende ás 19 h o Teatro Municipal de Tui transformarase grazas á maxia nunha viaxe a través dos soños, do tempo, e de momentos únicos que o público poderá gozar mesmo antes do inicio do espectáculo.  

 As entradas están á venda en tui.gal aos prezos 4€ e 3€.  “Singularia” forma parte da programación de Outono organizada polo Concello de Tui. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario