Accións polo 25 de novembro
A Subdelegación lanza 5 campañas en concellos e impulsa uns 500 puntos violeta polas farmacias, oficinas estatais, sindicatos e o aeroporto
A Subdelegación do Goberno celebrará o seu acto institucional polo 25-N homenaxeando aos 5 equipos VioGén da Garda Civil e aos 4 equipos UFAM da Policía Nacional, primeira liña de batalla contra a violencia machista
Abel Losada: “A loita contra a violencia sobre as mulleres faise 365 días ao ano e queremos poñer o foco nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que fan un traballo que vai moito máis alá do deber”
Foto: S. do G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou esta mañá as accións que a Subdelegación está impulsando este mes de novembro con motivo da efeméride do 25, Día Internacional contra a violencia machista. Un programa que vai moito máis alá da celebración institucional, pois inclúe colaboracións con concellos, oficinas e sedes de servizos estatais, a Universidade de Vigo e un recoñecemento ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
O acto central do próximo día 25 na Subdelegación incluirá, ademais da declaración institucional do subdelegado, un recoñecemento oficial ao traballo dos equipos VioGén das cinco compañías da Garda Civil, radicadas en Pontevedra, Vigo, Tui, Cambados e Lalín. Tamén recibirán a distinción as catro Unidades de Atención á Familia e á Muller (UFAM) das Comisarías de Policía Nacional de Pontevedra, Vigo-Redondela, Vilagarcía e Marín.
“Queremos reivindicar VioGén e poñer en valor o traballo, que vai moito máis alá do deber, que fan as mulleres e homes destes equipos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, porque son os que están ao pé do cañón nunha loita policial que faise os 365 días do ano”, afirmou Losada. “Un traballo imprescindible e silencioso que permite ás máis de 1.900 mulleres desta provincia que están na base de datos VioGén vivir sen medo ou, como mínimo, con menos medo”.
Por outra parte, a Subdelegación do Goberno impulsou un proxecto pioneiro para poñer a disposición de cinco concellos da provincia (Lalín, Sanxenxo, Moaña, Redondela e Ponteareas) outras tantas campañas de prevención e loita contra a violencia de xénero. O deseño das campañas foi desenvolvido no marco dun programa de Aprendizaxe-Serjvizo (APS) da Universidade de Vigo para a Subdelegación. O traballo está a cargo do alumnado do Máster de Publicidade da UVigo e coordinado pola decana de Ciencias Sociais, Emma Torres. Varias destas campañas xa foron presentadas estes días. Por outra banda, a Subdelegación decidiu dar un salto cualitativo na expansión dos puntos violeta pola provincia. Deste xeito, Pontevedra é a primeira provincia galega que está a promover estes puntos informativos nas farmacias gracias a un acordo pioneiro co Colexio Provincial de Farmacéuticos. Este tipo de colaboración, froito dun acordo do Ministerio de Igualdade co Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos de España, impúlsase a nivel autonómico noutras comunidades, pero, dado que en Galicia non se tiña iniciado, a Subdelegación desbloqueouna a nivel provincial. Así, un total de 427 oficinas de farmacia da provincia poderán instalar os puntos violeta. Está xa en marcha un plan de formación por comarcas, coordinado coa Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación, por comarcas que xa pasou polo Morrazo e o Deza.
A Subdelegación tamén vén de poñer en marcha, en colaboración con AENA, un punto violeta no aeroporto de Vigo, polo que pasan 1,5 millóns de persoas ao ano, e está a colocalos nas oficinas de Emprego estatais (SEPES), nas oficinas da Seguridade Social (Tesourería, INSS e Instituto Social da Mariña), nas oficinas da Axencia Tributaria e nos Paradores de Turismo, todos eles atendidos por persoal formado. Tamén está a colocalos nas sedes comarcais da UGT por iniciativa do sindicato en Galicia. Deste xeito, uns 500 puntos violeta repartiranse pola provincia co patrocinio da Subdelegación. “Os puntos violeta nas festas están moi ben, pero hai lugares moi sensibles, polos que pasa un gran volumen de público e era necesario dotalos deste recurso informativo”, afirma o subdelegado.
Finalmente, Abel Losada destacou que este ano culminouse a posta en marcha do Centro de Crise 24 horas para atención de violencias sexuais e/ou de xénero no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e con ámbito provincial de cobertura, co financiamento do Ministerio de Igualdade do Goberno de España.

Ningún comentario:
Publicar un comentario