O impacto dos probióticos no benestar, a análise na Escola da Saúde do Rosal, con Olalla Otero
• A bióloga e divulgadora achegará as claves para coidar a saúde con probióticos e microbiota
• Este venres, 14 de novembro, ás 19 h no Centro Social Polivalente, con entrada libre e de balde
Infogauda / O Rosal
No noso organismo conviven máis células microbianas que humanas, e cada unha delas pode influír directamente no noso estado físico e emocional. Con esta reveladora premisa chega unha nova cita coa Escola da Saúde do Rosal, unha iniciativa pioneira coa que o Concello achega á veciñanza información útil sobre saúde, patoloxías e situacións cotiás que afectan ao seu benestar.
A bióloga e divulgadora Olalla Otero vai chegar este venres 14 de novembro ás 19.00 horas ao Centro Social Polivalente coa súa charla ‘Probióticos e microbiota: como coidar a túa saúde desde dentro’, un encontro aberto ao público que permitirá comprender mellor como este microcosmos interior inflúe no equilibrio e na saúde diaria.
Apaixonada polos probióticos e polo estudo da microbiota, Otero leva desde 2019 investigando o papel destas microsubstancias no benestar, centrando o seu labor divulgativo en facer accesibles á veciñanza os avances dun dos ámbitos científicos con maior proxección. É autora do libro ‘O revolucionario mundo dos probióticos’, no que explora a sorprendente riqueza deste universo microscópico.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a rosaleiros e rosaleiras a participar neste novo encontro da Escola da Saúde, “un programa que naceu para dar resposta ao interese crecente da veciñanza por entender mellor a súa saúde e para ofrecer información contrastada e de calidade da man de profesionais de referencia”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, incide en que “este espazo divulgativo non só informa, senón que escoita ao público e adapta os contidos ás súas necesidades reais. Buscamos que as persoas se sintan acompañadas e que poidan resolver dúbidas que afectan ao seu día a día”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario