A CIG rexeita o primeiro convenio de grupo de Pescanova ao supoñer perda de dereitos
• A central celebrará unha asemblea co persoal dos distintos centros industriais para abordar o acordo e a posibilidade de convocar protestas
Infogauda / Vigo
A FGAMT-CIG vén de expresar publicamente o seu rexeitamento ao primeiro convenio de grupo asinado a nivel estatal polos sindicatos CCOO e UGT e a dirección de Nueva Pescanova o pasado venres día 7 ao supoñer unha perda de dereitos laborais para o persoal dos distintos industriais que até o de agora contaban con convenio propio. Diante disto, a central celebrará unha asemblea de persoas traballadoras este domingo día 16 no Multiusos Piñeiral do Crego, de Chapela (Redondela) ás 11:00 horas para abordar en detalle o contido do acordo e a posibilidade de convocar mobilizacións.
Dende a CIG denuncian que a partir de agora o poder de negociación residirá no comité intercentros, polo que cuestións tan importantes como xornada, ERE e ERTE ou saúde laboral xa non se negociarán nos distintos centros de traballo afectados. Ademais, cada centro de traballo perde dereitos adquiridos que, ou ben desaparecen, ou ben son modificados á baixa, até o punto de que consideran que se trata dun convenio do que só se beneficia a compañía.
“Unha vez máis a mala xestión empresarial temos que pagala os cadros de persoal dos centros industriais, como cando o equipa de dirección roubou a mans cheas e logo tivemos que aguantar e sacrificarnos nós para manter a o grupo”, lamentan.
Ao tempo que censuran o papel dos sindicatos estatais CCOO e UGT asinantes do acordo, “que din que é un bo convenio, o único posíbel xa que a empresa quería recortar máis, cando son desculpas para xustificar a súa traizón”. Acúsanos de mentir, “primeiro cando dixeron que so ían escoitar o que tiña que dicir a empresa e saíron cun acordo para negociar este convenio estatal feito á medida da empresa”. E despois cando aseguraron que non asinarían un convenio que supuxese perda de dereitos, “pero faltoulles tempo para facelo sen consultar sequera os cadros de persoal”.
Sosteñen que o convenio é positivo unicamente para o persoal de Valencia e de Madrid, ao que lle trasladan as súas felicitacións “malia que o seu avance sexa a costa do empeoramento das condicións de traballo nos centros galegos”. Por iso inciden en que na man do persoal galego está darlle unha resposta a esta perda de dereitos e anuncian a celebración dunha asemblea aberta a todas as persoas traballadoras de Pescanova para analizar o contido do acordo e abordar a posibilidade de convocar mobilizacións. Encontro que terá lugar este domingo 16 de novembro no Multiusos Piñeiral do Crego de Chapela (Redondela) ás 11:00 horas
Ningún comentario:
Publicar un comentario