7 de nov. de 2025

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

O Guardés comeza o soño europeo con dobre encontro en Bulgaria esta fin de semana 

O Mecalia disputará a terceira rolda da EHF European Cup integramente este sábado e domingo na pista do HC Byala, rival búlgaro 

A ida xogarase esta sábado ás 13.00 hora española (14.00 locais), e a volta será o domingo ás 15.00 (16.00 locais). Haberá retransmisión de ambos os dous encontros e o pavillón da Sangriña proxectaraos en directo para a afección 

Todas as xogadoras fóra de Nerea Gil, lesionada, viaxaron onte xoves, e adestraron hoxe pola tarde no OZK Area como primeira toma de contacto  



Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés comeza o soño europeo. O equipo baixomiñoto disputará esta fin de semana a rolda 3 da EHF European Cup de forma íntegra en casa do HC Byala, rival búlgaro moi forte na súa liga nacional. A ida será este sábado ás 13.00 e a volta, o domingo ás 15.00 (horas españolas). Ana Seabra conta co persoal ao completo, fóra de Nerea Gil, que se atopa desde onte no país balcánico e adestrou esta tarde no OZK Area onde se xogarán ambos os partidos. 

 O Guardés chega con toda a ilusión do mundo, con moitas ganas de iniciar esta aventura que podería significar a escritura dun novo capítulo na historia do Club. A competición europea chega nun momento ideal para o equipo baixomiñoto, que acumula resultados case inmellorables na liga Guerreiras Iberdrola e parece ser capaz de confrontar a calquera rival. As da Guarda veñen de dúas semanas perfectas, cun pleno de catro vitorias que se completou o pasado domingo cun emocionante Derbi As Nosas no Porriño, no que mostraron a gran coordinación no xogo que vén demostrando e apoiáronse nunha Amandine Balzinc imbatible baixo paus para levar os dous puntos (21-25).  

 Pero aínda que os números din que o Mecalia afronta esta fin de semana co mellor historial e prognóstico posible, no conxunto baixomiñoto saben perfectamente que Europa é fariña doutro costal. A final de contas, trátase dun rival descoñecido e procedente dunha tradición deportiva moi diferente á española, ao que é difícil xulgar baseándose só nos seus propios números. A dobre xornada tampouco pon as cousas fáciles, polo que o equipo viaxou xa onte xoves para controlar ao máximo o tempo de descanso. Xogadoras e corpo técnico voaron desde Vigo á primeira hora da mañá para aterrar en Bulgaria cara á metade da tarde, aínda cunha longa viaxe de autobús por diante desde Sofía ata Byala. Tras un merecido descanso, o plan para este día previo aos encontros enfócase no mesmo camiño, incluíndo un paseo pola zona pero tamén unha tarde de adestramentos no OZK Area, a mesma pista na que xogarán este sábado e o domingo, como última posta a punto para a acción. 

 O itinerario guardés está controlado ao detalle, mentres que a gran incógnita atópase no seu rival. O HC Byala estréase nesta fase da competición por primeira vez na súa historia que, aínda que breve, moi exitosa. O equipo fundouse no ano 2020 e conta xa na súa palmarés con dous campionatos de liga na elite RHG A obtidos en 2022 e 2023, así como dúas Copas de Bulgaria gañadas tamén no mesmo período.  

 Das súas últimas actuacións coñécese a folgada vitoria final na segunda rolda da EHF European Cup ante o ZRD Litija lituano (28-27 na ida, 39-27 na volta; 55-66 o global) na que destacaron de maneira moi marcada algunhas xogadoras como a central Lidiya Kovacheva, con 17 goles sumando ambos os partidos, e o extremo dereito Valeriia Arushanian con outros 14. Na tempada actual da súa liga nacional, as de Byala, dirixidas pola adestradora ucraína Viktoria Zhosan, dominan por agora con soltura, asinando tres vitorias en tres partidos de marcadores baixos. Está claro que as súas cifras, do mesmo xeito que ao Guardés, tamén o avalan, pero todo estará por decidir nos dous esperados encontros desta fin de semana no OZK Area. 

 Para celebrar a ocasión e apoiar ás súas desde casa, o Club Balonmán Atlético Guardés proxectará ambos os partidos en pantalla grande no pavillón da Sangriña con entrada libre para todos os afeccionados que queiran sumarse e vivir o soño europeo en compañía. Xunto con servizo de cantina, sorteos, artigos de comercialización e outras sorpresas, o Guardés vivirá dúas xornadas festivas desde a distancia e soñando coa clasificación para, oxalá, traer a competición aos seus en canto sexa posible.  

Ana Seabra: “Respectamos moito ao opoñente, pero o noso obxectivo é crer no noso traballo e identidade. Estes dous partidos son unha oportunidade máis para iso” 

 A adestradora Ana Seabra comparte a ilusión do Club por esta nova aventura. “Temos moitas ganas de empezar a escribir novos momentos históricos para o Club”, avanzou, destacando que o HC Byala é “un opoñente ao que respectamos moito, pero o noso obxectivo sempre será crer no noso traballo e na identidade que fomos construíndo, e sabemos que estes dous partidos son unha oportunidade máis para iso”. A folla de roteiro tamén está clara sobre a pista, na que o equipo miñoto buscará “impoñer o noso xogo desde o primeiro minuto, controlar o ritmo e facer valer a nosa forza en colectivo”.  

 Seabra valora a fin de semana como un gran reto e de alta esixencia, que será vital comezar con bo pé. “Son dous días, dous partidos, e será moi importante o primeiro de eles”, explica. Para terminar, lembra que chegar ata aquí tamén é motivo de celebración en si mesmo para as súas: “Tamén queremos gozar un pouco desta experiencia internacional, xa que todas as xogadoras meréceno”. 

María Sancha: “Estudamos moito ao rival para poder levarnos estas dúas vitorias e volver a casa cun sorriso na cara” 

 Pola súa banda, a capitá do Guardés, María Sancha, fala polas súas e conta que “estamos moi motivadas e con moitas ganas de ver que nos depara esta aventura europea”. “Confío plenamente no equipo e creo que podemos demostrar moitas cousas boas e bonitas”, engade a palentina, con ganas de saír á pista por fin. 

 En canto ás súas expectativas para a fin de semana, Sancha non dúbida. “Estudamos moito ao rival para poder levarnos estas dúas vitorias e poder volver a casa cun sorriso na cara”, sentenza, engadindo que o seu bo facer esta tempada aválaas: “Traballamos moi ben desde o inicio de ano, e iso fai que o equipo estea moi compenetrado e que fagamos do noso xogo un xogo mellor”.   

AXENDA 

EHF European Cup | IDA Rolda 3 

HC Byala – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 8 de novembro | 13.00 hora española (14.00 hora local) | OZK Area de Byala  

Retransmisión: 

http://live.kiss13.net/  

EHF European Cup | VOLTA Rolda 3 

HC Byala – Mecalia Atlético Guardés 

Domingo, 9 de novembro | 15.00 hora española (16.00 hora local) | OZK Area de Byala 

Retransmisión: 

http://live.kiss13.net/ 

Ningún comentario:

Publicar un comentario