8 de nov. de 2025

CULTURA

López Campos convida a achegarse a Maruja Mallo desde a tradición alfombrista 

 O Museo Massó expón a alfombra dedicada á artista viveirense realizada con motivo da inauguración en Madrid da mostra ‘Maruja Mallo. Máscara y compás’  

O representante de Cultura do Goberno galego fixo fincapé na importancia de difundir “a tradición e a artesanía galega rendendo homenaxe ao legado dunha creadora transgresora”  

A peza está realizada pola Asociación Cultural Cunchas e Flores de Bueu co apoio da Xunta de Galicia


López Campos invita a acercarse a Maruja Mallo desde la tradición alfombrista
Foto: X.G.

Infogauda / Bueu 

 O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, convidou a todos os galegos a achegarse ao legado de Maruja Mallo, unha figura referente da vangarda en Galicia, a través da tradición e a artesanía galega. Fíxoo no Museo Massó de Bueu, onde xa se pode visitar a alfombra dedicada á artista viveirense que foi elaborada pola Asociación Cultural Cunchas e Flores de Bueu con motivo da inauguración da mostra Maruja Mallo. Máscara y compás no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, o pasado 7 de outubro.  

 O representante de Cultura do Goberno galego destacou “a oportunidade para difundir  a tradición alfombrista e o traballo dos nosos artesáns rendendo homenaxe ao legado dunha creadora transgresora ligada a esta sociedade mariñeira”. Neste senso, López Campos lembrou que a pintora viveirense realizou un caderno de apuntes en Bueu nos primeiros días de xullo de 1936, interrompido con motivo do Golpe de Estado que a obrigou a fuxir do país. O caderno recolle toda unha serie de detalles de xente e da actividade pesqueira, das praias e vivendas mariñeiras executados en Beluso e Bueu, algúns dos cales foron integrados en obras que forman parte da serie pictórica La Religión del Trabajo (1936-1939).  

 Tal e como explicou o conselleiro, a peza, que conta cunha superficie aproximada de 12x2 metros e reproduce fragmentos de obras da autora, está elaborada a partir de materiais como cunhas de mexillón, ameixa ou lapas, así como sementes ou follas.  “Desde as institucións debemos tender a man a estas iniciativas que fan fincapé na herdanza dunha figura senlleira da nosa comunidade”, explicou o conselleiro, que aproveitou para felicitar o traballo dos artesáns da Asociación Cultural Cunchas e Flores.  

 Cómpre lembrar que a creación da asociación de Bueu estivo instalada na zona de acceso ao Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía durante o acto de apertura desta exposición que supón a maior retrospectiva realizada ata a data arredor da figura desta creadora. A exposición, que reúne 90 obras entre as que se atopan pinturas, debuxos, escritos, documentos e vídeos, pode visitarse en Madrid ata o 16 de marzo de 2026 dándolle continuidade ao proxecto expositivo que se puido visitar ata o 14 de setembro no Centro Botín de Santander.

Ningún comentario:

Publicar un comentario