11 de nov. de 2025

CULTURA

Valentín García enxalza “o poder dos libros na creación de imaxinarios e no uso da lingua” 

 O secretario xeral da Lingua entrega o V Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, co que colabora a Xunta, e que este ano recoñece a Ana Rebeca Fernández


O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou hoxe o V Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou hoxe o V Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, un galardón que conta coa colaboración da Xunta e que, lembrou, “pretende incentivar a través dos álbums ilustrados a creación de imaxinarios dirixidos á cativada de maneira que no seu universo non existan desigualdades sexistas”.

 Así, o representante do Goberno galego felicitou á premiada deste ano, Ana Rebeca Fernández González (que asina como A.R. do Lobo) pola obra O segredo das Cíes, elixida polo xurado como merecedora deste recoñecemento que, ademais, conta cunha dotación de 2.500€. Na mesma liña, tamén agradeceu a Baía Edicións a organización destas distincións que “contribúen a contar coa publicación de obras de calidade en galego dirixidas a un público moi concreto como é o infantil”. 

 Neste senso, fixo fincapé “no gran poder que teñen os libros para construír a visión do mundo en idades temperás”, puntualizando que supoñen, ademais, “unha gran ferramenta para potenciar o coñecemento da nosa lingua entre os máis pequenos”. 

 Do mesmo xeito, quixo ter palabras para Fina Casalderrey, a autora que lle dá nome ao premio, e á súa traxectoria “polo seu compromiso continuo cos tres valores nos que se sustenta este galardón, a literatura infantil e xuvenil, a lingua, e os valores dei igualdade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario