10 de nov. de 2025

CULTURA

A Deputación rende homenaxe a Carlos Taboada na nova edición da Semana Lorquiana no Museo de Pontevedra 

  Do martes ao venres desta semana haberá actividades para centros escolares e o domingo unha andaina pola cidade, que se pechará cunha homenaxe a Taboada 


Imaxe de arquivo de Carlos Taboada polas rúas de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación celebra por sétimo ano no Museo de Pontevedra a Semana Lorquiana, un conxunto de actividades dedicado a lembrar as visitas de Federico García Lorca á cidade, dirixida por Polo Correo do Vento. A edición deste ano é moi especial, porque servirá para homenaxear a Carlos Taboada, creador e impulsor desta actividade recentemente falecido.   

 O programa desenvolverase durante esta semana. Do martes 11 ao venres 14 de novembro, realizaranse no Edificio Castelao actividades dirixidas a centros escolares da provincia. O domingo 16 de novembro farase unha andaina pola cidade, co título 'Federico García Lorca en Pontevedra’. Está dirixida a público adulto e terá a saída ás 12:00 h desde o Edificio Castelao.   

 Ao remate da andaina, as persoas participantes volverán ao Edificio Castelao para facer unha pequena homenaxe a Carlos Taboada. Marcelo Dobode interpretará uns temas musicais e persoas próximas dedicaranlle unhas palabras ao activista cultural falecido en agosto deste ano. Taboada puxo a andar, xunto  con Kike Mauricio, o proxecto Polo Correo do Vento, co que desenvolveron numerosas actividades, moitas delas ligadas ao Museo de Pontevedra:  contacontos, visitas guiadas, obradoiros de debuxo, edición e ilustración  de libros… e a Semana Lorquiana, que este ano chega á súa sétima edición.  

Lorca en Pontevedra  

 A relación de Federico García Lorca con Galicia levouno a definirse como “poeta galego” e escribir na nosa lingua os seus 'Seis poemas  galegos'. Visitou Galicia en tres ocasións, dúas delas en 1932 e en ambas pasou por Pontevedra. A primeira foi en agosto á fronte do grupo teatral La Barraca. A segunda foi en novembro, cos responsables da revista Cristal como anfitrións. En Pontevedra escribiu un fermoso soneto iniciado co verso “Yo sé que mi perfil será tranquilo”, que viu a luz publicado no número 6 de Cristal.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario