27 de out. de 2025

VIGO

A segunda edición do Hematofesti chega en novembro a Vigo como reclamo para o público familiar este outono co apoio da Xunta 

  A iniciativa incluirá un ciclo de curtametraxes infantil, humor, literatura, cine, música, cultura e creatividade para todos os públicos

  Entre os convidados contará co humorista Ignatius Farray, a cantante Luz Casal ou a artista e presentadora Teresa Rabal, que recibirá o Premio Lenda do Recreo


O director de Turismo de Galicia e a delegada da Xunta en Vigo participaron na presentación desta iniciativa que se celebrará do 4 ao 8 de novembro na cidade
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe na presentación da segunda edición do festival de humor e literatura infantil Hematofesti. O evento, que se desenvolverá entre o 4 e o 8 de novembro en Vigo, conta co apoio da Xunta de Galicia, e consolidarase como un reclamo para o público infantil e familiar neste outono.  

 Como explicou o director de Turismo, a iniciativa -que homenaxea ao escritor e comunicador Miguel A. López, coñecido como O Hematocrítico, que finou en 2023- propón unha variedade de actividades “que contribuirán a encher a oferta de lecer e tamén as propostas tanto para os vigueses como para as persoas que visiten a cidade”. De feito, como indicou, a iniciativa enmárcase nas máis da decena de accións, entre concertos e actividades culturais e deportivas que Turismo de Galicia apoia na cidade olívica.  

 Xosé Merelles felicitou á organización -liderada por Ledicia Costas e Alberto Vázquez- por ser quen de organizar un evento cunha programación ampla e plural, especialmente dirixida tanto aos profesionais da ilustración como a un segmento de público -o familiar e infantil- no que a Xunta de Galicia está a traballar no marco da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 para enriquecer a súa visita a Galicia. Ademais, mediante esta colaboración, a Xunta de Galicia avanza nos seus obxectivos de desestacionalizar a oferta turística, ao contribuír á programación na cidade de Vigo durante o mes de novembro.  

Humor e literatura 

 Durante as cinco xornadas do Hematofesti, poderase gozar de distintas actividades, como un ciclo de curtametraxes de animación nas escolas, proxeccións, contacontos, concertos, charlas e obradoiros de distinto tipo, así como dun espazo de gaming, que se desenvolverán en distintas localizacións da cidade, entre elas librarías e espazos culturais.  

 En concreto, a programación inclúe nomes como os ilustradores Javier Jaén e Bea Lema; os autores autores coma Pedro Mañas, Susanna Isern, Antonio M. Fraga ou Eva Mejuto; o humorista Xosé Antonio Touriñán; os músicos Lucía Aldao, Silvia Superstar, IGMIG e Grande Amore; o xornalista Noel Ceballos; e as escritoras Yolanda Castaño e María Lado.  

 Entre as actividades, a exposición Hematocrítico Ilustrado por Alberto Vázquez abrirá as súas portas na sede da Deputación Provincial en Vigo coincidindo co inicio do festival. A partir do 15 de novembro, contará cunha oferta de talleres de ilustración e clubs de lectura (de balde) deica o Nadal. O xogo e a imaxinación tamén serán eixos do Hematofesti. Este ano, o xigante xaponés dos videoxogos, Nintendo, volve colaborar co festival cun Espazo Gaming no Centro Comercial Vialia aberto de xoves a sábado. 

 Nesta segunda edición o festival organiza Queremos Humor! Academia de comedia de Ignatius Farray, unha residencia humorística onde o recoñecido cómico canario impartirá obradoiros e titorías aos asistentes ao longo da semana no Vitruvia Club.  

 O xoves 6, no Auditorio Mar de Vigo celébrase a Hematogala, un grande evento presentado por Xosé Antonio Touriñán e María Lado que  contará coas actuacións de Grande Amore, IGMIG, Ignatius Farray, Noel Ceballos, Nus Cuevas, Silvia Superstar e Sobria y Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín).  

Encontros profesionais 

 O festival dedica dous días a encontros profesionais baixo o lema Economía e Cultura: O Binomio Fantástico, que se desenvolverá o martes 4 e o venres 7 no Auditorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo.  O primeiro día ofrecerá unha conversa entre Luz Casal e Ledicia Costas moderada por Lucía Aldao, arredor da acción cultural como ferramenta económica e social. O venres con mesas e entrevistas, nas que participarán figuras como Alberto Vázquez, Alejandro Pérez, Noel Ceballos, María Moya, Xosé Antonio Touriñán, Elena Ferro, Ledicia Costas, Yolanda Castaño ou  Lucía Aldao.  

 O sábado está reservado para a xornada Queremos Literatura Infantil na Sede da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo. Coordinada por Eva Mejuto e Montse Pena Presas e centrada nesta edición no álbum ilustrado, destínase a público profesional da literatura infantil e a docentes, pero tamén ao público lector.  O programa inclúe mesas redondas sobre edición, creación e álbum ilustrado, coa participación de editoriais e autoras recoñecidas. Ademais, haberá un espazo dediado ao formato oral con Caxoto e Charo Pita. A xornada pecharase coa entrega do II Premio de Álbum Ilustrado Humor con H e do premio de honra do Hematofesti Lenda do Recreo, que nesta edición homenaxeará a Teresa Rabal, coa entrega a cargo de Manuel Bragado, galardoado na primeira edición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario