A CIG rexeita cunha protesta no CTAG o despido de 150 persoas e o ERTE de 110 días
• Delegados/as sindicais e traballadores/as do Centro Tecnolóxico da Automoción desenvolveron unha concentración nas instalacións do Porriño
Delegados/as sindicais e persoas traballadoras mobilizáronse hoxe convocadas pola CIG diante das instalacións do Centro Tecnolóxico da Automoción da Galiza (CTAG) no polígono porriñés da Granxa
Infogauda / O Porriño
Delegados/as sindicais e persoas traballadoras mobilizáronse hoxe convocadas pola CIG diante das instalacións do Centro Tecnolóxico da Automoción da Galiza (CTAG) no polígono porriñés da Granxa para rexeitar ERE para 150 persoas e o ERTE de 110 días para o conxunto do cadro de persoal. A protesta coincidiu coa xuntanza de constitución das comisións negociadoras do ERTE e do ERE, que terán un prazo de 15 e de 30 días, respectivamente, para chegar un acordo.
A dirección do CTAG comunicoulle o pasado xoves 16 de outubro ao comité de empresa, presidido pola central sindical, a apertura dun proceso para despedir 150 persoas traballadoras e para aplicar un ERTE de 110 días de duración no centro de traballo do Porriño, alegando causas económicas e da produción, decisión que lle foi trasladada por correo electrónico ao conxunto do cadro de persoal. “Trátase de mandar para casa durante medio ano laboral a case 900 persoas”, denunciaron as persoas afectadas ao remate dunha concentración na que participaron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a secretaria nacional da CIG-Banca, Sefi Romero, e o secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde.
Tamén censuraron que a dirección do CTAG considere as persoas traballadoras “meros números nunha folla de cálculo, un simple gasto máis a recortar, mentres leva todo o ano pagándolle o salario a un directivo prexubilado sen que acuda nin un só día a traballar; a mesma dirección que se reparte unhas xenerosas bonificacións ao final do exercicio a pesar de que o CTAG é unha fundación sen ánimo de lucro, e que nos acusaba de alarmistas cando avisamos desta deriva xa en 2024, poque estaban a deixar marchar persoal cualificado que atraía moitos clientes”. Por iso consideran que antes de despedir persoas traballadoras tiñan que presentar a dimisión os directores responsábeis desta situación. E adiantan que o tempo que dure o proceso do ERE e do ERTE “imos dar a batalla na rúa, porque os empregos nin se negocian nin se venden, deféndense”.
A CIG insiste na necesidade de loitar para intentar deixar sen efecto o ERE. O presidente do comité, Hugo Méndez, sinala que, de ser estritamente necesario, a opción podería pasar por aplicar unicamente o ERTE, aínda que lembra que o que vén de propoñer a empresa é o de maior duración anunciado no sector da automoción na comarca, xa que o de Stellantis foi de 90 días.
Ao mesmo tempo, anticipou que estudarán a posibilidade de que os 13 despidos obxectivos executados polo CTAG o pasado mes de agosto, que considera un ERE encuberto, se teñan en conta agora. A estas rescisións de contrato súmanselle as levadas a cabo por motivos disciplinarios con anterioridade (oito en xullo e outras dúas en agosto). Por este motivo a central sindical levou a cabo protestas en xullo e impugnou xudicialmente cinco despidos de persoas afiliadas que están pendentes de resolución.
Sen política industrial de país
Na central sindical consideran que a dirección de CTAG “non pode escusarse” na grave crise que atravesa o sector da automoción para xustificar uns despedimentos que responden unicamente á súa “mala xestión” e ao feito de que seguramente a empresa, que recibe subvencións públicas millonarias tanto da Xunta como doutras administracións, está embarcada en proxectos que non son rendibles a nivel económico.
E lembran que se trata dunha fundación creada e participada pola Xunta, CEAGA, Abanca, Stellantis e outras compañías da automoción “que foi pioneira en innovación e investigación para o sector, a xoia da coroa, pero por falta dunha estrita fiscalización atópase agora nestas circunstancias e opta por desprenderse da experiencia e do bo facer de 150 persoas que estiveron adquirindo experiencia no CTAG, ademais das que xa despediron con anterioridade”.
Todo isto é consecuencia da ausencia dunha política industrial de país e da falta de axudas ao sector por parte da Xunta -nomeadamente a automoción- nos orzamentos, o que impide, entre outras cousas, a captación e o mantemento do talento en Galiza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario