Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo destacan a consolidación do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza con máis de mil obras a concurso
• A galega Mariña Pérez e a madrileña Ángela Álvarez son as gañadoras da segunda edición do premio; Mercedes Peón, mellor iniciativa musical
A delegada territorial de Xunta e o director xeral de Cultura participaron na lectura do fallo dos galardóns na Asociación Évame Oroza
Foto: X.G.
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron este venres na lectura do fallo do II Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza creado co apoio do Goberno galego para celebrar o centenario do nacemento do escritor. Durante o acto celebrado na sede da Asociación Évame-Oroza, os representantes autonómicos salientaron o éxito do certame literario que recibiu más de mil traballos a concurso.
A galega Mariña Pérez e a madrileña Ángela Álvarez son as gañadoras da segunda edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nas modalidades de galego e castelán, respectivamente, ao que se presentaron traballos de Galicia (120), do resto de España (488) e unha importantísima representación internacional (403). Os premios teñen unha dotación de 6.000 euros cada un e os galardoados recibirán unha figura de Oroza realizada en bronce pola artista Cuqui Piñeiro.
A lectura do fallo dos xurados tivo lugar no local da Asociación Évame Oroza e ademais do director xeral de Cultura e a delegada territorial tamén estiveron presentes a vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; e o presidente da asociación Évame Oroza, Xabier Romero. O vindeiro 24 de outubro (20:00 horas) celebrarase, no Museo do Mar de Vigo, a gala de entrega dos premios, na que o dúo Cintaadhesiva porá a nota musical nun evento cheo de poesía e arte. A entrada é libre ata encher á cabida.
Modalidade de castelán
A obra “Notas de Cereté”, de Ángela Álvarez Sáez, foi elixida como gañadora do Premio Carlos Oroza na modalidade de castelán. O xurado, formado por Manuel Bragado, Rexina Vega e María Xosé Porteiro, destacou da obra que “baixo a forma de diario unha voz feminina indaga no suxeito poético contemporáneo e dende unha perspectiva de muller explora a relación entre corpo e literatura”. Destacan tamén a unidade e vertebración do proxecto, cunha estrutura sólida e ao mesmo tempo variada, flexible e sorprendente.
Ángela Álvarez Sáez (Madrid, 1981) é licenciada en Dereito e avogada. No ano 2005 formou parte da Fundación Antonio Gala para Jóvenes Creadores, onde obtivo unha bolsa de creación literaria.
Modalidade de galego
O poemario “Unha aria no asedio”, de Mariña Pérez Rei, foi a obra elixida por unanimidade polo xurado da modalidade de galego, composto por Silvia Penas, Patricia Meira e Samuel Merino. Na acta, o xurado valora “que é un poemario cun código poético traballado e certeiro, que propón un transunto entre a arte, a lingua, a música e a vida mesma. Rico en imaxes e cun ritmo engaiolante que tensa o fío do principio ao fin, coma unha arpa ben afinada que deixase múltiples notas para tocar cada milímetro do cosmos”.
Mariña Pérez Rei é docente e escritora amesá, con unha traxectoria que transita entre a poesía, a narrativa breve e a colaboración xornalística. En 2005 recibe o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón polo poemario Fanerógama, e un ano despois o Premio Manuel Lueiro Rey coa novela curta Canícula. Entre os seus títulos poéticos figuran tamén Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante (edición artesanal) e Paquidermo.
Mellor iniciativa musical
No transcurso da rolda de prensa tamén se anunciou o “Recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía” que nesta segunda edición foi concedida a Mercedes Peón pola súa traxectoria musical e creadora, polo seu labor como compiladora e transmisora do legado das mulleres anónimas que mantiveron vivo o canto, a música e o baile en Galicia.
Destaca tamén pola súa brillante carreira como compositora e intérprete, marcada por un espírito innovador que soubo conectar a tradición coa contemporaneidade, explorando novos camiños sonoros e expresivos dende unha clave profundamente persoal, comprometida coa sociedade e co feminismo. O premio non ten dotación económica e consiste nunha peza realizada ex profeso polo artista Xabier Magalhães, así como unha figura de Oroza, feita en bronce pola artista Cuqui Piñeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario