17 de out. de 2025

O PORRIÑO

A CIG oporase ao ERE para 150 persoas e ao ERTE de 110 días anunciado polo CTAG 

 A central, que preside o comité de empresa do Centro Tecnolóxico de Automoción con sede no Porriño, non descarta convocar mobilizacións 


Imaxe dunha mobilización precedente, de persoal do CTAG
Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 A CIG expresou hoxe a súa intención de opoñerse frontalmente ao ERE para 150 persoas e ao ERTE de 110 días para o conxunto do cadro de persoal do centro de traballo do Porriño anunciado polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galiza (CTAG), adiantando a posibilidade de convocar mobilizacións en defensa dos postos de traballo nunha empresa que recibe subvencións públicas millonarias. 

 A dirección do CTAG comunicoulle onte ao comité de empresa, presidido pola central sindical, a apertura dun proceso para despedir 150 das 893 persoas traballadoras e para aplicar un ERTE para o resto de 110 días de duración alegando causas económicas e da produción. A decisión foille trasladada a continuación ao conxunto do cadro de persoal por parte da propia compañía a través dun correo electrónico. 

 “Imos loitar para intentar que retiren o ERE, ou para reducir o seu impacto na medida do posible mediante plans de recolocación, ademais de evitar que afecte a colectivos vulnerables”, explica o presidente do comité, Hugo Méndez. O representante sindical sinala que outra opción podería pasar por aplicar unicamente un ERTE, aínda que lembre que o que vén de propoñer a empresa é o de maior duración anunciado no sector da automoción da comarca, xa que o de Stellantis foi de 90 días. 

 Ao mesmo tempo, anticipa que estudarán a posibilidade de que os 13 despidos obxectivos executados polo CTAG o pasado mes de agosto, que considera un ERE encuberto, se teñen en conta agora. A estas rescisións de contrato súmanselle as levadas a cabo por motivos disciplinarios con anterioridade (oito en xullo e outras dúas en agosto). Por este motivo a central sindical levou a cabo protestas en xullo e impugnou xudicialmente cinco despidos de persoas afiliadas que están pendentes de resolución. 

 De igual xeito, ante esta nova decisión da empresa de reducir o cadro de persoal a CIG barallará a posibilidade de celebrar asembleas para propoñer a convocatoria de mobilizacións en defensa dos empregos. “O comité ten sete días para escoller as comisións negociadoras, que terán un prazo de 30 días no caso do ERE e de 15 no do ERTE para chegar a un acordo”.  

 Finalmente, dende a central sindical consideran que a dirección de CTAG “non pode escusarse” na delicada situación que atravesa o sector da automoción para xustificar uns despedimentos que responden unicamente á súa “mala xestión” e ao feito de que seguramente a empresa, que recibe subvencións públicas millonarias tanto da Xunta como doutras administracións, está embarcada en proxectos que non son rendibles a nivel económico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario