O Mercado de Tomiño énchese de vida este outono con obradoiros, música e sabores locais
• Cestería, setas, cociña, tapas e jazz protagonizan unha fin de semana chea de experiencias para todos os públicos ao abeiro da programación do Outono no Mercado
Infogauda / Tomiño
O aroma a produtos de tempada, o son da música en directo e o bulir das persoas regresan esta fin de semana ao Mercado de Tomiño, que se converterá nun auténtico punto de encontro activo e creativo coa chegada do Outono no Mercado. Unha programación chea de obradoiros, actividades e experiencias gastronómicas para gozar, aprender e descubrir o mellor do produto local.
Durante varios días, o Mercado acollerá catro obradoiros gratuítos con prazas limitadas e inscrición previa xa aberta na web municipal. A programación comezará con dous obradoiros de cestería impartido por Suso Cesteiro, un o venres 24 de outubro e outro o sábado 25, ambos de 11.00 a 13.00 horas. Os talleres continuarán o 24 de outubro de 17.00 a 19.00 hora cun obradoiro de cultivos de setas shiitake na casa impartido pola Cooperativa Somos Terra e rematarán co obradoiro de cociña impartido por Tania Alves, de O Fogón do Mercado o luns 27 de outubro de 11.00 a 13.00 horas.
O sábado 25 chega o Sábado con sabor a outono, que comezará ás 13.00 horas e combinará sesión vermú, tapas e música en directo. O ambiente festivo correrá a cargo de Abel Trigó Trío, formación que ofrece unha versión renovada e vibrante do jazz e do soul, ideal para acompañar unha mañá de sabor e boa compañía.
Completando a programación, o 24 e 25 de outubro terá lugar a exposición e venda de produtos de outono, con protagonistas como os mirabeis de Alén do Val, as meles de Mulleres Abelleiras, a cestería artesanal de Suso Cesteiro e unha ampla oferta de castañas, cogomelos e cabazas nas froiterías do propio Mercado de Tomiño.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o Mercado é moito máis ca un espazo de compra, é un lugar de encontro, de vida e de dinamismo social e económico. Queremos que as persoas que o visitan sintan que aquí se combina tradición e modernidade, co valor engadido do produto local e do trato humano. E con iniciativas como esta reforzamos o papel do Mercado como corazón da vila, promovendo a alimentación saudable, o consumo responsable e o apoio ao noso tecido produtivo”.
Con esta programación, o Concello de Tomiño e a Asociación de Praceiros e Praceiras impulsan unha fin de semana de outono chea de cor, sabor e participación, reafirmando o compromiso coa promoción do comercio local e a dinamización do mercado como espazo vivo e integrador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario