Aprender, reflexionar e compartir no Rosal cunha nova edición dos ‘Cafés en Igualdade’
• O xoves, 30 de outubro comezan tres novas charlas para reflexionar sobre a pornografía, a cultura da violación ou os piropos
Infogauda / O Rosal
O Rosal convértese de novo nun espazo para fomentar o pensamento crítico e a reflexión colectiva sobre xénero, feminismo e coidados coa chegada dunha nova edición dos ‘Cafés en Igualdade’, encontros mensuais destinados a abordar cuestións de actualidade dende distintas perspectivas achegándose a situacións da vida cotiá da veciñanza.
A primeira cita será o xoves 30 de outubro, ás 17.30 horas, nas Brasas, coa charla “A pornografía. O seu impacto na mocidade”, impartida pola educadora social e axente de igualdade Lucía Pereza. A segunda sesión celebrarase o 27 de novembro na Tapería A Praza, centrada na cultura da violación e a violencia que a sociedade normaliza, a cargo da educadora social Angelina Gándara. O ciclo pecharase o 18 de decembro na Liga, coa charla “Os piropos. Comentarios positivos ou acoso?”, impartida pola traballadora social especializada en saúde, sexualidade e xénero Sabela Salgueiro. Todas as sesións serán de balde e abertas á participación da veciñanza.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou o éxito que colleita cada nova edición dos ‘Cafés en Igualdade’, “unha oportunidade única para pensar e dialogar sobre temas que afectan a todos e todas, fomentando o pensamento crítico e a conciencia social. Estes encontros permiten seguir revolucionando mentes, achegarse á realidade do día a día e aprender xuntas e xuntos a construír unha comunidade máis igualitaria”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, destacou que “este ciclo de charlas reforza o compromiso do Concello coa igualdade e coa prevención de diferentes violencias. Queremos crear espazos seguros onde a veciñanza poida reflexionar, compartir experiencias e adquirir ferramentas para construír relacións máis respectuosas e libres de estereotipos”.
O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2023-2024, consolidándose como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso coa igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario