5 de set. de 2025

VIGO

A CIG demándalle a Vitrasa que se comprometa a abordar a apertura de expedientes na comisión correspondente 

 O comité decidiu desconvocar as protestas unha vez que empresa comunicou que lle retira as sancións a dous traballadores 


Vehículos de Vitrasa
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 A sección sindical da CIG en Vitrasa reclámalle á concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo que se comprometa a abordar a apertura de expedientes sancionadores ao persoal na comisión creada para tal efecto. O comité decidiu desconvocar as mobilizacións anunciadas tras a apertura de expedientes a dous traballadores que sufriron accidentes de tráfico durante a xornada laboral unha vez que a dirección de Vitrasa comunicou a súa intención de retirar as sancións. 

 “Pola nosa parte imos agardar a que se celebre a xuntanza convocada este luns día 8 pola empresa para facer pública a nosa posición, porque entendemos que de nada vale que se retiren agora estes expedientes e que máis adiante se lle volvan abrir a outros/as compañeiros/as sen pasar antes pola Comisión de Expedientes”, sinalan dende a representación da CIG en Vitrasa. 

 Ademais, lembran que a maior parte dos incidentes de tráfico son consecuencia das condicións de traballo impostos pola compañía e pola intensa circulación que rexistra a cidade. “Levamos anos denunciando que os temos de percorrido son insuficientes e nin sequera se corrixen cando hai obras que dificultan a circulación ou nos períodos de maior concentración de persoas e vehículos na cidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario