O DELEGADO TERRITORIAL LEMBRA EN TUI QUE SEGUE ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS PARA A OBTENCIÓN DOS PERMISOS DE CONDUCIR TIPO A2 E B
• As subvencións cubrirán ata 150 euros no caso do permiso A2 e ata 400 euros para o permiso B
• A Xunta conta cunha unha nova orde de axudas dotada cun millón de euros para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade ampliación ou promoción, así como dos permisos de condución das clases C e D
Infogauda / Tui
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a autoescola San Telmo, no concello de Tui, onde lembrou que o prazo para solicitar as axudas da Xunta para sufragar o custo de sacar os permisos de conducir tipo A2 e B remata este 25 de setembro.
Reguera destacou a novidade desta edición da convocatoria, que incorpora un apoio para sacar o permiso clase A2, correspondente ás motocicletas, subvencionado con 150€, e que se suma ao importe para o permiso B, que será de 400€.
O delegado aproveitou a visita para lembrar que o obxectivo desta medida é axudar aos mozos e mozas a conseguir unha acreditación que, “non só mellorará a sua empregabilidade, senón que ademais permite unha maior autonomía persoal”.
Para acceder a esta convocatoria, as persoas interesadas deberán acreditar ter entre 18 e 30 anos de idade, estar empadroadas en Galicia e non estar traballando por conta propia nin allea. Ademais, as axudas son de carácter retroactivo, xa que poden presentar solicitude aqueles mozos e mozas que teñan aprobado o permiso de conducir con data de expedición a partir do 1 de outubro de 2024.
Por outra banda, a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar debe ser igual ou inferior a cinco veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples de 2025 no seu cómputo anual. As axudas poden ser acumulativas, polo que unha mesma persoa pode solicitalas para a obtención dos dous permisos, B e A2.
Incorporación de profesionais do transporte
Por outra parte, cómpre engadir que o Diario Oficial de Galicia publicou a mediados do pasado agosto unha nova orde de axudas dotada cun millón de euros para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade ampliación ou promoción, así como dos permisos de condución das clases C e D.
Segundo explicou esta mañá o delegado, esta liña de axudas está pensada para aquelas persoas que decidan dedicarse profesionalmente ao sector do transporte, “un sector que conta cunha alta demanda de profesionais”.
A orde inclúe dúas liñas. Unha delas destinase a subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de ‘ampliación ou promoción’, para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada. A outra liña subvenciona a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E.
O importe máximo que percibirá cada persoa será de 1.200 euros, tanto para a obtención do permiso de condución das clases C, C1, C+E, D, D1, D1+E e/ou D+E como para a do certificado de aptitude profesional (CAP). Na modalidade de ‘ampliación ou promoción’ a contía máxima será de 300 euros. En todo caso, a axuda non pode exceder o total aboado polo alumnado nin superar os 3.900 euros no caso de percibir axudas a través das dúas liñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario