18 de set. de 2025

TOMIÑO

Tomiño camiña cara ao benestar coas súas andainas saudables  

 O Concello retoma as saídas semanais ao abeiro da axenda ‘Impacto Saudable’. Comezarán o 25 de setembro e sairán todos os xoves dende o Centro de Saúde acompañadas por unha fisioterapeuta de Vontade  


O Concello pon en marcha unha nova edición das súas Andainas Saudables
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Moverse, respirar e compartir camiño. A veciñanza de Tomiño volve ter unha cita semanal coa saúde e co benestar. O Concello pon en marcha unha nova edición das súas Andainas Saudables, unha actividade gratuíta que comezarán o vindeiro 25 de setembro e que se celebrará todos os xoves ás 09.30 horas cun punto de saída fixado no Centro de Saúde de Tomiño. 

 As camiñadas, abertas a persoas de todas as idades, estarán guiadas por unha fisioterapeuta da asociación Vontade, que acompañará aos participantes durante o traxecto e dirixirá pequenos exercicios de forza, equilibrio e estiramentos. A proposta forma parte da axenda municipal ‘Impacto Saudable’, deseñada polo Concello para impulsar hábitos de vida activos e favorecer o coidado físico e emocional de tomiñeses e tomiñesas. 

 A alcaldesa, Sandra González, salientou a relevancia desta iniciativa para a mellora da calidade de vida da veciñanza. “Con estas andainas damos un paso máis para facer do deporte e do coidado persoal unha rutina accesible e compartida. Non é só unha actividade física, senón tamén unha forma de socializar, de gozar da contorna e de sentirnos acompañados por profesionais que nos axudan a coidar da nosa saúde”, resalta. 

 Para participar na actividade non será precisa inscrición previa. As persoas interesadas soamente deberán achegarse directamente ao punto de encontro quince minutos antes de cada saída. A actividade estará cofinanciada ao abeiro das axudas as entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade ao abeiro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Ningún comentario:

Publicar un comentario