18 de set. de 2025

O ROSAL

O Rosal quenta motores para a cuarta edición da súa Feira de Produtos    

  O vindeiro 12 de outubro dende as 11 h o concello converterase nun escaparate de sabores, tradicións e encontro para produtoras e produtores locais  




Infogauda / O Rosal

 O Concello quenta motores para un dos momentos máis esperados do ano: a Feira de Produtos do Rosal, que chega á súa cuarta edición consolidada como un espazo de encontro, exposición, degustación e venda onde as e os produtores locais teñen a oportunidade de dar a coñecer as súas ofertas. A feira celebrarase o vindeiro sábado 12 de outubro a partir das 11.00 horas ao abeiro da programación deseñada para celebrar as Festas do Outono do Pilar.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “a Feira de Produtos do Rosal naceu coa vontade de ofrecerlles ás produtoras e produtores rosaleiros unha plataforma para dar a coñecer os seus produtos, establecer contactos e mesmo crear sinerxías que reforcen o tecido económico e cultural do municipio”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Alejandro González, recordou que, “ademais de ser un punto de venda, a feira é unha festa para toda a familia, cun programa que inclúe actuación musical na hora do vermú, polbeiro, cortador de xamón e unha variedade de postos cos mellores produtos locais. É a oportunidade perfecta para gozar da gastronomía e o talento do noso Concello”. 

 A IV Feira de Produtos do Rosal está pensada para conectar directamente á cidadanía cos produtores locais, fomentando o consumo responsable e de proximidade, e promovendo un evento que se consolida ano tras ano como un referente das festas de outono na comarca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario