8 de set. de 2025

SOUTOMAIOR

A Deputación comezou a vendima dos viñedos do Castelo de Soutomaior coa previsión de recoller 15.000 quilos de uva 

  A Quinta das Eiras é a adega adxudicataria para a colleita nas catro hectáreas de viñedos do recinto, tras gañar a poxa cunha oferta de 1,22 € por quilo de uva albariña e 1 euro doutras variedades


A explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior remóntase ao ano 1984 e ocupa catro das 23 hectáreas coas que conta o complexo no seu conxunto
Foto: D.PO.

Infogauda / Soutomaior

 A Deputación comezou a vendima nas catro hectáreas de viñedo situadas na finca do Castelo de Soutomaior, coa previsión de recoller preto de 15.000 quilos. A encargada da colleita e da explotación da uva albariña e doutras variedades brancas é a adega A Quinta das Eiras, logo de ter gañado a poxa pública convocada pola Deputación cunha oferta de 1,22 € por quilo de uva albariña recollida e 1 € no caso da uva doutras variedades.  

 Un total de 11 persoas están a traballar xa no Castelo para facerse cargo tanto da vendima como do traslado posterior da uva. Por mor das previsións meteorolóxicas, aínda non se sabe canto tempo durarán estes traballos nin tampouco hai, polo tanto, unha data fixada para o seu remate. O ano pasado colleitáronse preto de 13.000 quilos entre uva albariña e outras variedades brancas, unha cifra inferior á prevista nesta campaña. Estímase que se poderían recoller ata arredor de 15.000 quilos xa que este ano se deron condicións meteorolóxicas moi boas durante a floración, sen apenas choivas que puideran afectar negativamente o callado dos botóns florais.  

 A explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior remóntase ao ano 1984 e ocupa catro das 23 hectáreas coas que conta o complexo no seu conxunto. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmidos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente, o que fai que as producións non sexan moi altas. Toda a uva do castelo é autóctona e albariña na súa maioría, pero nos viñedos tamén se atopan outras variedades brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) e mesmo tintas (mencía e sousón).

Ningún comentario:

Publicar un comentario