1 de set. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Nova cita coas Guerreras para María Palomo 

A pivote do Guardés volveu ser convocada polo seleccionador nacional Ambros Martín para dentro de dúas semanas 

Palomo xogará coa Selección Española dous amigables contra Eslovaquia, o 18 e 20 de setembro nas cidades de Zilina e Trencin


María Palomo
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés mantén a súa representación na Selección Española. A pivote madrileña María Palomo volveu ser citada polo conxunto nacional para a súa próxima concentración, que terá lugar dentro de dúas semanas en Eslovaquia con motivo de dous encontros amigables para iniciar o novo curso deportivo. 

 Palomo reunirase unha vez máis coas Guerreras de Ambros Martín o vindeiro 15 de setembro en Madrid para voar ata a localidade de Samorín. Alá permanecerán as xogadoras durante toda a semana, de parón nas competicións nacionais, para preparar dous partidos amigables ante a Selección de Eslovaquia. 

 O primeiro deles, que suporá o comezo do novo curso para a Selección Española, medirá ao conxunto nacional con Eslovaquia o xoves 18 de setembro ás 18.30 horas no City Sports Hall de Zilina; mentres que a “volta” destes dous amigables xogarase no polideportivo da cidade de Trencín o sábado 20 ás 20.00 horas. 

 O equipo dirixido por Ambros Martín estivo centrado ultimamente nun traballo de proxección de futuro importante, e nesta convocatoria pode lerse a mesma intención, con ata cinco xogadoras que foron citadas por primeira vez. Pero alén das novidades, a chamada á pivote do Mecalia Atlético Guardés responde a unha aposta pola consolidación dunha nova xeración na que se confirmou como habitual. 

 Palomo foi citada polo seleccionador por primeira vez en marzo e participou dende entón en distintas concentracións de tecnificación e encontros amigables con España, polo que dende o club miñoto deséxaselle un futuro brillante da man das Guerreras. 

 Moita sorte, María!   

María Palomo: “É un orgullo e unha motivación no día a día. Isto tamén me axuda a crear os meus propios obxectivos” 

 A xogadora madrileña explicou que “ao final, é un orgullo e unha motivación no día a día que te siga chamando a Selección e que sigas contando para eles”. “Isto tamén me axuda a crear os meus propios obxectivos”, indica Palomo, que expresou a súa gratitude e ledicia por volveu reunirse coas Guerreras. 

 A pivote ve esta chamada como “a continuidade da concentración deste verán en Sierra Nevada”, pero tamén coma “a aposta por crear un novo grupo de traballo con xente moi nova, algunhas, júniors, e persoas que creo que poden aportar moito”. En definitiva, María amosouse con moitas ganas de seguir medrando da man do conxunto nacional: “Vai ser unha semana en Eslovaquia de adestramentos, de moitísima aprendizaxe e de saír con moito reforzo positivo”.  

Lista completa de convocadas: 

- Porteiras: Olaia Luzuriaga (Replasa Beti-Onak) e Lucía Prades (Super Amara Bera Bera) 

- Centrais: Elba Álvarez (Bera Bera), Alicia Fernández (MKS Zaglebie Lubin) e Maddi Bengoetxea (Elda Prestigio) 

- Laterais dereitos: Paula Arcos (CS Gloria 2018 Bistrita) e María Prieto (MKS FunFloor Lublin) 

- Laterais esquerdos: Belén Rodríguez, Raquel Moré (KH-7 BM Granollers), María Gomes (CS Minaur Baia Mare) e Danila So Delgado (Gloria Bistrita) 

- Estremos dereitos: Anne Erauskin (Bera Bera) y Paula Agulló (AtticGo Elche) 

- Estremos esquerdos: Lisa Oppedal (Elche) e Ona Vegué (HSG Blomberg-Lippe) 

- Pivotes: Lyndie Tchaptchet (Bera Bera), Lysa Tchaptcher (Odense Handbold) e María Palomo (Mecalia Atlético Guardés)

Ningún comentario:

Publicar un comentario