4 de set. de 2025

A CORUÑA

Víctor Coyote: «Todo queda na casa: Galicia sempre estará presente no meu traballo»

 O músico e ilustrador galego repasa a súa traxectoria entre a música, a banda deseñada e o deseño na súa visita ao festival Viñetas desde o Atlántico


Víctor Coyote, músico, ilustrador, pintor e deseñador, no festival Viñetas desde o Atlántico
Foto: F. V. do A.

Infogauda / A Coruña

 Víctor Coyote, músico, ilustrador, pintor e deseñador nado en Tui en 1958, é unha das figuras máis singulares da cultura galega contemporánea. Coñecido nos anos oitenta como líder de Los Coyotes, transitou desde entón pola música, a banda deseñada, o deseño gráfico, a pintura ou o audiovisual. A súa obra, sempre marcada por unha ollada crítica e unha conexión coa cultura latinoamericana, atopou tamén nos festivais e nas exposicións un espazo natural. No marco do festival Viñetas desde o Atlántico, conversa sobre a súa traxectoria e a súa maneira de entender a creación artística.

A túa traxectoria é moi transversal: música, pintura, deseño gráfico, banda deseñada. Como se relaciona todo isto no teu traballo creativo?

Pois, home, eu teño só unha cabeza. Os meus intereses son sempre parecidos e todo sae de aí. Evidentemente, non é o mesmo tocar unha guitarra que debuxar, pero os meus temas de interese (como o mundo latinoamericano, que ten moito contacto con Galicia) están sempre presentes en todo o que fago.

Música e creación visual van daquela da man?

Si, coas súas características propias. Cada disciplina ten as súas particularidades: hai cousas que podes facer en música que non podes facer en banda deseñada, e viceversa.

Nas túas bandas deseñadas mestúranse memoria persoal, ollada crítica, experimentación… Como defines o que queres transmitir?

Non sabería dicilo con exactitude. Sáeme unha mestura entre o clásico e algo máis libre. Non o chamaría experimental, pero si unha combinación. Por exemplo, en Entresijos, o debuxo é máis ben clásico, realista, pero aplico a cor de maneira libre, sen respectar volumes. Iso chamou moito a atención e vírono como orixinal. A min parecíame normal, pero está claro que normal de todo non é.

Que lugar ocupa hoxe a banda deseñada dentro das artes visuais desde o teu punto de vista?

A min o lugar que ocupa, o ránking e as listas non me interesan. Ese tipo de cousas son para friquis de internet. Eu non teño unha película favorita, por exemplo. Para min hai cousas culturais que son interesantes e outras que non. A importancia que ten a banda deseñada nese sentido non me preocupa demasiado.

Porén, semella que a banda deseñada si está nun mellor lugar cultural ca antes.

Si, iso é certo. Hoxe os suplementos culturais dos xornais publican banda deseñada, cousa que antes non acontecía. Antes era algo visto como de rapaces ou de friquis. A novela gráfica trouxo novos lectores interesados no cultural e literario, e iso está ben.

E que dirías sobre a túa experiencia no Festival Viñetas desde o Atlántico?

Moi boa. As exposicións do Kiosco Alfonso e as da Sala Palexco parécenme moi ben montadas, cada unha co seu carácter. A Coruña é un sitio que xa coñecía, cómese estupendamente e eu síntome aquí moi próximo. Ao final, todo queda na casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario